17.6 C
Pontevedra
Domingo, 13 de Outubro de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránA Xunta publica as expropiacións necesarias para o aparcamento disuasorio en Nigrán

    A Xunta publica as expropiacións necesarias para o aparcamento disuasorio en Nigrán

    A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou o venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiros días 6 de xullo e 5 de outubro, dos actos expropiatorios para executar as obras do aparcadoiro disuasorio, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no enlace da estrada PO-340 coa autoestrada do Val Miñor (AG-57) e adxacente á peaxe da saída A Ramallosa-Gondomar, no concello de Nigrán.

    O novo aparcadoiro, cuxas obras están xa licitadas e en fase de análise das 6 ofertas presentadas por empresas, suporá un investimento de preto de 640.000 euros.

    Este estacionamento disuasorio persegue facilitar o emprego do vehículo compartido para acceder á autoestrada AG-57 e reducir a presenza dos coches no centro da vila de Nigrán. A previsión é comezar os traballos no verán.

    Segundo recolle hoxe o DOG, os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro día 6 de xullo, das 10,00 ás 12,15 horas, na Casa do Concello de Nigrán. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 5 de outubro, á mesma hora e no mesmo lugar. No seguinte enlace pode consultarse esta información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230526/AnuncioG0181-120523-0005_gl.html.

    Máis en detalle, o novo aparcadoiro contará cunha superficie total de 3.500 m², disporá de 72 prazas, das que 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida, ademais da preinstalación para 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

    Na intervención inclúese, tamén, a disposición dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación dun mínimo de 3 metros de ancho e de sentido único.

    No centro do aparcadoiro e na zona norte proxéctanse zonas verdes para a colocación de arborado e alumeado, que irán separadas das prazas por un bordo. A intervención forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.