Xoves, 16 Xaneiro de 2025

A Mancomunidade do Val Miñor promoverá a práctica dos bolos celtas entre os escolares

A Mancomunidade do Val Miñor destinará 9.000 € do seu Remanente de Tesourería para a promoción da práctica dos bolos celta entre os escolares de toda a comarca. Así se aprobará hoxe na Xunta de Mancomunidade tras acordar previamente os tres alcaldes unha modificación de crédito que, entre outros, inclúe este obxectivo concreto.

O fin é dar visibilidade a este deporte ancestralmente vinculado ao Val Miñor e preservalo creando unha ‘canteira’ de afeccionados, xa que a media de idade dos actuais deportistas supera os 40 anos, tal e como recoñece Isidro Costas, presidente da Federación de Bolos Celta.

Deste xeito, este acordo coa Mancomunidade permitirá que as sesións esporádicas que a Federación viña ofrecendo en todos os colexios do Miñor se convirtan no vindeiro curso (e neste verán na modalidade de ‘campus’ para ‘captar’ aos posibles interesados) nunha actividade extraescolar gratuíta que ofrecerá en cada municipio un monitor federado. Estas clases dividiranse por unha banda en alumnado de Primaria e, por outra, en Secundaria e Bacharelato. Para elo, en Nigrán aproveitaranse as instalacións de Camos; en Gondomar as do Parque das Cercas e, en Baiona, as de Belesar. Finalmente, ao remate do curso a Federación desenvolverá un campionato escolar onde competirá o alumnado dos tres municipios.

O bolo Celta é un deporte 100% autóctono que se conserva con toda a súa pureza ancestral na zona occidental de Galicia, concretamente no Val Miñor e Baixo Miño, onde se xoga na súa totalidade, se ben onde esta concentrado é nos Concellos de Baiona, Gondomar, Nigrán e Tomiño principalmente. Ademais, practícase en Arxentina e Uruguai grazas aos emigrantes miñoranos que nada máis asentarse neses países construíron unha cancha de bolos para xogar entre eles en lugares como os centros Valle Miñor de Bos Aires e Montevideo. Segundo os últimos estudos, este deporte realmente retrotráese á Idade de Pedra, polo que queda descartado que proveña dos celtas.

“Desde Nigrán os Bolos Celta están especialmente protexidos no noso programa de subvencións ao deporte e incluso construímos no 2016 unha cancha no IES Val Miñor para o seu alumnado, así que consideramos que ampliar esta defensa a toda a comarca permitirá de verdade preservar os bolos celta e crear canteira, garantindo así o seu futuro”, considera Juan González, alcalde e presidente da Mancomunidade.