18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarA Deputación destina máis de 1,2 millóns de euros a outros sete...

    A Deputación destina máis de 1,2 millóns de euros a outros sete concellos, Gondomar, Nigrán e Tui entre eles

    As achegas, ao abeiro do Plan Concellos, financiarán actuacións de mellora do espazo público en Campo Lameiro, Dozón, Gondomar, Lalín, Nigrán, Tui e Pazos de Borbén

    A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe total de 1.225.347 euros, ao abeiro do Plan Concellos, para Campo Lameiro, Dozón, Gondomar, Lalín, Nigrán, Tui e Pazos de Borbén.

    En concreto, a Deputación aproba para Campo Lameiro dúas achegadas valoradas en preto de 250.000 euros. Trátase de 154.767 euros para a adecuación da rede de saneamento en Rozas, Carballeira, Castriño e Liñares; e outros 91.359 para actuacións de mellora do firme nos camiños Laxe, A Facha, Rans, Lombo, Fondo, e Quinteiro 1 e 2. No caso de Dozón, recibirá unha achega de 77.423 euros para a execución de firme de aglomerado no camiño dende a estrada PO-533 ao río de Pidre, nun tramo de preto de 1,5 quilómetros e que conforma unha vía principal da parroquia de San Xoán de Sisto. Pola súa banda, Gondomar contará cun investimento de 114.997 euros para a mellora e urbanización da rúa Manuel Alonso, o proxecto contempla a peatonalización do tramo inferior desta rúa, mellorando a súa accesibilidade e funcionalidade. Amais, tamén se proxecta o soterramento das instalacións urbanas existentes, a substitución das canalizacións de saneamento e a incorporación dunha instalación de rego. Así mesmo, dotarase este espazo co mobiliario urbano necesario como iluminación, xardineiras, bancos ou papeleiras.

    En canto a Lalín,  a Deputación destina 379.989 euros para a urbanización da parcela exterior do Centro Integral de Saúde (CIS). O proxecto comprende dende a rotonda onde se produce a intersección da Avenida de Ourense e a rúa Penela ata os límites da parcela na que se sitúa o CIS. Deste xeito, neste tramo reordenarase a circulación destinada a vehículos e peóns e peoas, substituiranse e executaranse novos pavimentos, introducirase vexetación e executaranse os servizos necesarios. A proposta promove un tráfico peonil proporcionando pasos e accesos seguros. Para Tui, o goberno provincial destina 191.436 euros para a mellora e acondicionamento do acceso á praia fluvial Areeiros. En concreto, mellorarase a pavimentación, a seguridade viaria, prepararase a superficie próxima á praia para xerar aparcamento e instalarase unha rede subterránea de baixa tensión e alumeado público.

    No caso de Nigrán, a Deputación tamén aproba 142.153 euros, por reinvestimento de baixas, para a merca do equipamento dun camión 4×4. E, por último, Pazos de Borbén contará con 73.220 euros, tamén por reinvestimento de baixas, para a renovación da iluminación pública en Pazos, Pousiño, Torrente e Alén. Deste xeito, actuarase sobre 5 cadros de mando, 188 puntos de luz, redes eléctricas asociadas e postas a terra. O proxecto terá impacto no aforro enerxético e económico e tamén nas melloras medioambientais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.