O Goberno local de Gondomar aposta pola compostaxe como contribución á mellora medioambiental. Por ese motivo o concello que preside Paco Ferreira pon ao dispor dos colexios que o soliciten, un composteiro individual de 300 litros onde poderán reciclar os residuos orgánicos que se xeneren nel.
Así mesmo –e no caso de que entre os seus proxectos escolares se inclúa unha horta escolar– o Concello tamén lles ofrece compost procedente dos centros comunitarios de Gondomar.
Segundo confirman desde o departamento do Medio Ambiente “a resposta foi moi positiva e maioritaria, demostrando a súa implicación en actividades que permitan sensibilizar ás novas xeracións na loita contra o cambio climático e a defensa da riqueza natural do noso concello”.
Por último, a iniciativa impulsada por Medio Ambiente contempla a posibilidade de impartir charlas formativas nos centros educativos, tanto ao profesorado como ao alumnado, para explicar o correcto uso e mantemento do composteiro, tal e como xa se realizou no CEIP Neira Vilas, respectando en todo momento as medidas de seguridade sanitarias recollidas na normativa COVID19.
Nova entrega composteiros veciñanza
Esta campaña súmase as que xa se veñen realizando dende a Concellería de Medio Ambinete, que xestiona Brais Misa, como e o reparto de composteiros individuais entre a veciñanza que o solicitou no que é unha clara aposta do Goberno de Gondomar pola compostaxe.
Nesa liña, cómpre salientar que este pasado mércores mércores entregouse unha nova decena deles que se suman aos preto dos 300 que ata o de agora repartirónse entre aquelas persoas interesadas en reciclar os seus residuos orgánicos con este sistema.