Manifesto Miñor vén de denunciar o recheo dunha canteira existente no barrio de Prado, na parroquia de Morgadáns, explotación que “levaba varios anos durmida”. Segundo MM, logo de ter recibido numerosas queixas veciñais, comprobaron que no anteditor barrio de Prado, no lugar de Penide, estaba a desenvolverse “unha actividade intensiva co obxecto de selar a canteira; tan intensiva como o movemento de varios camións de grande tonelaxe, así como a pa excavadora achanzando a terra e soterrando os entullos de todo tipo que ían deitando os citados camións.
Segundo o portavoz de Manifesto Miñor, Antonio Araújo Quintas, puideron comprobar “segundo os anagramas dos devanditos camións, o nome de tres empresas carrexando e vertendo terra, xabre, entullos, etc.”.
Logo de realizar as correspondentes averiguacións no Concello, Manifesto Miñor asegura que “non consta expediente aberto ao respecto, ignorando se teñen licenza municipal ou calquera outra autorización sectorial ao respecto”.
Cómpre salientar que se trata dunha zona sensible polo existencia, na proximidade da devandita canteira que están aterrando, de abundantes olleiros de auga, nacentes de regueiros con troitas, unha zona húmida na que habitan as dúas especies de Orballiña que esixten en Galicia, a Drosera Rotundifolia e a Drosera Intermedia moito máis escasa.
Amais, segundo informa a veciñanza, atravesan a zona varias traídas de auga veciñais polo que, para Manifesto Miñor, “resulta evidente que estamos a falar dun espazo de grande interese natural que cómpre protexer e vixilar calquera actuación que se faga no mesmo ou na súa contorna”.
Por iso MM pide que o Concello de Gondomar e a Concellería de Medio Ambiente “actúen con dilixencia” por se houber que tomar medidas que eviten males maiores, “protexendo así un espazo natural de tanta importancia, e que os traballos de selado da canteira se fagan axustados á legalidade e seguindo os criteriso técnicos, medioambientais, etc., necesarios”.