Con moitas risas e momentos inesquecibles ás súas costas este grupo de veciños do concello de Gondomar poñen punto e final á peregrinación por etapas que arrincaba de Gondomar o pasado día 5 de setembro, xornada na que cubriron a distancia que separa a vila de Vigo, percorrendo un pequeno tramo do Camiño da Nosa Señora do Norte para sumarse posteriormente ao Camiño Portugués pola Costa ao chegar a Nigrán, roteiro que manterían nas seguintes etapas.
Sen que fraqueasen as forzas e compartindo momentos e anécdotas durante todo o camiño completaron cada sábado do mes un tramo diferente. Desta forma fixeron un total de 100 quilómetros tras cubrir o resto de etapas: Vigo-Pontevedra, Pontevedra- Valga e, finalmente, este sábado os últimos pasos que os separaban de Santiago de Compostela.
Acompañados pola Concelleira de Turismo, Rocío Goberna, os e as participantes mostraron a súa satisfacción por lograr o seu obxectivo e agradeceron ao alcalde Paco Ferreira e o Concello de Gondomar, responsable da organización e financiamento da actividade, a súa implicación en todo momento para facilitarlle o percorrido, así como o poder peregrinar a Santiago coincidindo coa celebración do Ano Santo.