Luns, 24 Marzo de 2025

A Concellería de Igualdade de Baiona presenta a terceira edición da “Primavera Lila”

O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu o acto de presentación da Primavera Lila, a programación deseñada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller.

Na presentación a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, deu a coñecer as novas actividades que se idearon para a programación deste ano.

Entre os meses de marzo e maio levaranse a cabo toda unha serie de actividades que foran parte dunha programación que co 8 de marzo como escenario, a concelleira, lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “ a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinala Moreira Costas.

Por iso, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.

Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.

Mañá, 8M, o CEIP Belesar ás 10:30h e o CEP Sabarís, ás 13:00h, acollerán o contactontos “Cores e persoas”.  O venres, 11 de marzo, ás 19:30h no Centro Multiusos de Sabarís, o doutorando Víctor Miguel Fernández, Máster en Dirección Internacional de Turismo, ofrecerá unha conferencia que ten por título “Fálame delas. Mulleres na historia do turismo de Baiona”.

O sábado 12 de marzo, ás 20:00h no Auditorio V Centenario terá lugar a representación teatral “Invisibles” e o domingo, 13, ás 18:00h no Centro Multiusos Sabarís representarase para o público infantil “A nena que quería navegar”.

No mes de abril, o 2 e o 3, porase en marcha o proxecto “Elas emprende”, galería de propostos.  O sábado 9 de abril realizarase  un”escape room” de igualdade e prevención da violencia de xénero polo Casco Vello de Baiona baixo o título “Rexeita o Maltrato”. O 23 de marzo no Centro Multiusos Mercado de Sabarís proxectarase para o público infantil “Valentina” e dobre sesión ás 17:00h e ás 19:00h.

Xa no mes de maio poderase desfrutar da exposición “Primeiras xornalistas” do 10 ao 20 de maio no salón de actos do CPI Cova Terreña.