8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondela'Xela a diario', Redondela pon en valor a figura profesional e humana...

    ‘Xela a diario’, Redondela pon en valor a figura profesional e humana da autora á que se dedican as Letras Galegas 2021

    Xela Arias, autora á que se dedica este ano o Día das Letras Galegas, será obxecto dunha iniciativa radiofónica que poñen en marcha as Bibliotecas Municipais de Redondela e que, baixo o nome Xela a Diario –chiscadela á obra ‘Darío a Diario’– emitirase na Radio Municipal de Redondela, baixo a dirección da narradora e dinamizadora cultural Ana Facchini.

    Daniel Boullosa, Ana Prieto e María Elena Becerra

    O programa emitirase diariamente, de luns a venres, ás 11 horas e despois dos informativos das 14 h e 17 horas. Amais, durante as fines de semana, tamén será difundido pola Rede de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA).

    Mª Elena Becerra , directora das Bibliotecas Municipais de Redondela e Ana Facchini, directora do proxecto

    Xela a Diario –que se desenvolverá en dúas fases, a primeira delas do 5 ao 30 de abril e a segunda no mes de maio– reúne en cada un dos espazos, duns dez minutos, unha breve contextualización sobre a vida e obra da escritora e a lectura dos seus poemas na voz da propia Ana Facchini e de distintos persoeiros do mundo da cultura así como de calquera persoa que desexe enviar os seus audios ás Bibliotecas Municipais de Redondela (bibliotecaredondela@redondela.gal )(bibliotecachapela@redondela.gal)

    O obxectivo primeiro desta iniciativa é tratar de dar a coñecer ao público en xeral, tanto a produción poética, como o resto da traxectoria profesional de Xela Arias; en especial, aquelas facetas máis descoñecidas, pero tamén ofrecer unha aproximación á Xela muller e ao seu lado máis humano.

    Redondela, ademais, ten unha vinculación afectiva con Xela Arias plasmada no nomeamento da biblioteca de Chapela co nome da autora, no ano 2018.”

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.