Último mes para participar no certame de fotografía

O Obradoiro Fernando Monroy manterá aberto ata o 2 de novembro o prazo de recollida de instantáneas do seu Concurso de Fotografía, que en 2020 chega a décimo quinta edición e reparte un total de 600 euros en premios

Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura, a alcaldesa, Digna Rivas e Norberto González, do Obradoiro

O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy ten aberta a participación no seu certame de fotografía e o prazo para presentar as obras finalizará o luns 2 de novembro. Polo tanto, queda menos de un mes para que os afeccionados a esta actividade poidan presentar un máximo de cinco fotos.

A temática é libre e formato do concurso permanece igual ó dos últimos anos con seis premios, que reparten 600 euros. A isto engádese que todas as obras participantes no evento, antes de ser devoltas ós seus donos, serán expostas en diversos centros sociais do concello de Redondelaa. De feito, as de presentadas en 2019 estiveron penduradas no Círculo Cultural de Cesantes, no Multiusos da Xunqueira (Redondela), no Piñeiral do Crego (Chapela) e, actualmente, atópanse no Centro Cultural de Cedeira. Unha listaxe que o Obradoiro tentará incrementar na vindeira edición para dar a maior repercusión posible ós participantes.

No referente os premios, repártense ata seis. Recoñecese a mellor fotografía con 175 euros. Nos adultos haberá tres galardóns (125, 100 e 75 euros) e dous para os xuvenís (75 e 50 euros). O xurado, como é habitual neste evento, estará composto por profesionais do ámbito da comunicación. Eles serán os encargados de escoller ó sucesor de Almudena Castro Villar, gañadora absoluta na edición de 2019. As obras deben presentarse impresas e tamén en formato dixital. Nesta segunda opción existe a posibilidade de envíalas por correo electrónico, pero tamén é obrigatoria a copia impresa, que poderá enviarse por correo ou ser entregada no Círculo Cultural de Cesantes. As bases completas do certame, cos requisitos técnicos e as direccións completas de envío poden consultarse na web estudoslocais.org ou no perfil de Facebook do Obradoiro (@ObradoiroFernandoMonroy).