17.6 C
Pontevedra
Domingo, 13 de Outubro de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaTres días de actividades no Día Nacional de Galicia en Redondela, “para...

    Tres días de actividades no Día Nacional de Galicia en Redondela, “para reforzar o noso orgullo de ser galegos e galegas”

    Dous concertos “de alto nivel”, unha proxección de cine e un acto institucional para “reafirmar a nosa identidade como pobo” afirma a alcaldesa Digna Rivas

    O Concello de Redondela presentou onte, na Praza do Concello, os actos que se desenvolverán exactamente dentro dun mes –o vindeiro 25 de xullo– con motivo do Día Nacional de Galicia. O programa organizado pola Concellería de Normalización Lingüística que dirixe a alcaldesa Digna Rivas, e que se desenvolverá baixo o lema de «Terra… a nosa!», foi presentado na Alameda Castelao pola rexedora local á que acompañaban a concelleira Marta Alonso e o concelleiro Alberto Álvarez.

    “Pretendemos reforzar e reafirmar o orgullo de ser galegos e galegas, de poñer en valor a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa propia identidade como pobo” afirmou a alcaldesa redondelá quen lembrou que “antes da nosa chegada ao Goberno local celebrábase un acto solitario no propio 25 de xullo. Hoxe presentamos un programa de tres días como corresponde á importancia da xornada e máis nun municipio como Redondela que sempre foi referente de galeguidade e pioneiro na defensa e posta en valor da nosa lingua”.

    Cómpre lembrar que dende a chegada do actual Goberno e na liña de potenciación do Día de Galicia, o programa de actividades pasou, primeiro, de un a dous días –incluíndo a Chapela como lugar de celebración de actividades– para, neste 2021, pasar a celebrarse durante os días 23, 24 e 25 de xullo.

    Nesa nova data do 23 de xullo que se engade con respecto ao pasado ano, a Alameda Castelao acollerá unha xornada de Cinema na Rúa, ás 22:30 horas, coa proxección da película Cuñados que, en palabras da alcaldesa, “é unha clara aposta polo noso cine, pola nosa cultura e pola nosa lingua”.

    O día 24, ás 22 horas, o paseo marítimo de Chapela vestirase de gala para acoller o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, un concerto que, tal e como lembraba Digna Rivas, o pasado ano tivo que ser suspendido pola COVID-19 e que este ano será unha realidade.

    O día 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, ás 20 horas e na Alameda Castelao, terá lugar o acto institucional no que, adiantou a rexedora local, terán protagonismo os cativos e cativas do campamento de conciliación. A participación de nenos e nenas neste acto é considerada “fundamental dende o convencemento deste Goberno que é preciso sementar a nosa identidade de galegos e galegas e o orgullo que iso supón, dende as idades temperás”.

    A xornada do día grande de Galicia pecharase co concerto de SES da que, afirmou Digna Rivas, “non precisa presentación” xa que é “unha cantante de renome e unha muller comprometida que nas súas cancións pon o foco sobre o feminismo, a tradición, o compromiso e o empoderamento cultural feminino”.

    A alcaldesa expresou a súa satisfacción polo feito de que, ano tras ano, “a veciñanza de Redondela síntase cada vez máis identificada con esta xornada, participa, reúnese para festexala e cada vez son máis as veciñas e veciños que acoden a celebrar o acto institucional con nós”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.