Entre as propostas que se levan ao pleno de organización do Concello de Redondela, que se celebrará a semana que entra, está a reestructuración dos salarios da corporación e o persoal eventual. A intención é axustalos para non superar os orzamentos estipulados actualmente. A corporación municipal vai pasar de un membro con exclusividade para o concello a dous e de unha persoa contratada como persoal eventual a tres. Entre o persoal eventual plantéxase unha persoa de confianza para o BNG, polo que “para non aumentar a cuantía dos orzamentos destinados a persoal. Eu, como alcaldesa de Redondela, decidín propor baixar o meu soldo para compensar os novos gastos”, explica Digna Rivas.
A rexedora local engade que “a miña prioridade é que os concelleiros e concelleiras teñan un soldo digno e acorde co seu traballo. O máis importante é que poidan estar a disposición da cidadanía e por iso, aqueles que forman parte da equipa de goberno estarán tódalas mañás no horario de portas abertas para cumprir co seu deber que é servir aos veciños e veciñas de Redondela”.
É imprescindicble que os e as concelleiras teñan un traballo compatible co itinerario do Concello e sobre todo co horario de cara ao público. “Este é un dos motivos polos que María Castro decidiu deixar o seu posto como concelleira. É unha pena que o seu horario laboral sexa incompatible coas necesidades deste concello. Agradezo o seu traballo estes catro anos. Sempre tiven o seu respaldo e confianza e así o demostrou revalidando a súa candidatura nas listas electorais e apoiando a miña investidura”, conclúe Rivas.