O Concello de Redondela vén de incorporar ao cadro de persoal da Policía Local, dous novos axentes unha vez que superaron o curso realizado na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e concluído o seu período de prácticas. Os dous axentes foron recibidos na Casa do Concello pola alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Seguridade, Leonardo Cabaleiro, que lle deron a benvida ao cadro de persoal municipal. Con esta dobre incorporación, Redondela conta cun total de 20 efectivos entre mandos e axentes de policía.
A estes dous axentes engádense, dende mediados do pasado mes de xaneiro, catro auxiliares de Policía Local, que permanecerán desenvolvendo o seu traballo en Redondela ata o mes de xuño, de cara a reforzar o cadro de persoal logo das xubilacións anticipadas.
Digna Rivas subliñou que, para o Goberno que preside “a seguridade cidadá e un tema prioritario” e incidiu na necesidade de contar “cunha Policía Local acorde á importancia de Redondela como cuarto municipio da provincia”.
Nesa liña, a rexedora local adiantou que dende o vindeiro día 12 de marzo, outros seis axentes formaranse na Agasp para, unha vez completado ese período e realizadas las preceptivas prácticas, incorporarse ás filas da Policía local. Dese xeito, explicou Rivas, “a final de ano, Redondela poderá contar cun total de 27 axentes”.
O cadro da Policía redondelá podería acadar a trintena de axentes de cubrirse as dúas prazas designadas polo sistema de mobilidade no que xa se seleccionaron ditas prazas pero que aínda non tomaron posesión das mesmas.
Trátase, rematou a alcaldesa Digna Rivas, “de dotar ao municipio dunha Policía Local acorde a importancia do mesmo tanto en medios humanos como materiais para, dese xeito, poder garantir a seguridade da veciñanza e dos seus bens”.