10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela reafírmase na “diversidade, tolerancia e respecto” no acto institucional do Día...

    Redondela reafírmase na “diversidade, tolerancia e respecto” no acto institucional do Día do Orgullo LGTBIQ+

    A alcaldesa de Redondela insistiu na necesidade de actuar “contra a homofobia e a intolerancia” como única vía para acadar unha sociedade realmente xusta

    “Apostamos pola tolerancia, a diversidade e o respecto e loitaremos, sen descanso e con todos os recursos dispoñibles, contra a homofobia e a intolerancia, porque é o único xeito de acadar unha sociedade igualitaria e realmente xusta”. Así o manifestou na mañá de onte a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, no acto institucional do Día do Orgullo LGTBIQ+ que tivo lugar na Praza do Concello.

    O acto, insistiu a rexedora local, quere expresar o sentir da cidadanía “en apoio de aqueles e aquelas que, por motivos de identidade ou da súa orientación sexual, son vítimas de persecución, acoso e mesmo violencia”. Redondela, afirmou con rotundidade Digna Rivas, “foi sempre referente en defensa dos valores individuais e, afortunadamente, contamos cunha cidadanía que sabe perfectamente que o respecto aos demais, no máis amplo sentido da palabra, é a mellor vía para acadar unha sociedade igualitaria, xusta e decente”.

    O manifesto foi lido por Andrés e Carolina de Pvlse e Puri por parte da asociación Irisar. No escrito, faise fincapé na necesidade de “seguir buscando unha igualdade real para todas as persoas que queren vivir a súa vida de maneira libre e sen imposicións” e quería ser, ao mesmo tempo, unha mensaxe de compromiso con todas esas persoas que loitan todos os días por mostrarse elas mesmas e por non deixar que ninguén lles diga o que deben sentir ou a quen amar”.

    Amosábase tamén o apoio ás persoas trans que seguen vendo como o mundo que lles rodea “parece non entender a súa realidade e que esa venda que a moitos non deixa ver a persoas fermosas, xera unha dor inmensa e fainas sentirse apartadas. Vémosvos, escoitámosvos e querémosvos, tal e como sodes ou queredes ser, sen vós, este mundo perdería cor e sería un lugar máis triste”.

    Cinco puntos de compromiso pechaban este manifesto. Cinco puntos cos que o Concello de Redondela deixaba ben clara a súa postura ao condear “calquera discriminación ou atentado tanto físico coma verbal contra as persoas LGTBIQ+” e procurar “o benestar e respecto aos dereitos de calquera persoa, sexa cal sexa a súa identidade ou orientación sexual”.

    De esquerda a dereita, Vicente Lamas (concelleiro), Carolina (Pvlse), Alberto Álvarez (concelleiro), a alcaldesa Digna Rivas; Puri (Irisar), Marta Alonso (concelleira) e Andrés (Pvlse).

    O Concello deixou clara a súa censura “aos espazos que se proclaman «libres de LGTBIQ+», eufemismo que empregan para repudialos. A eles nos enfrontamos declarándonos «Concello de liberdade» para todas as persoas, independentemente da súa identidade de xénero ou afinidade sexual”.

    Redondela amosaba, neste acto e con este escrito, o seu compromiso firme e decidido a promover “a igualdade, empoderamento e integración do colectivo LGTBIQ+” e “o movemento para a construción dunha sociedade inclusiva, segura e con solucións para todas e todos”.

    Doutra banda, o Concello redondelán amosa, nestes días, o seu compromiso dun xeito visual, alumeando coas cores arcoiris, tanto a ponte de madeira da Alameda Castelao como a propia Casa do Concello. Amais, o banco coas cores arco iris situado na Praza do Concello, convértese nun photocall coa lenda «Posa» para que veciñas e veciños saquen fotos nese lugar e, con ese simple xesto estean amosando o seu apoio ás persoas LGTBIQ+.

    Os actos do Día do Orgullo LGTBIQ+ continuarán este vindeiro 2 de xullo, venres, cunha charla impartida pola asociación Pvlse e que, baixo o título «Diversidade e historia LGTBIQ», terá lugar ás 20 horas na sala de exposicións do Multiúsos da Xunqueira.

    Ás 21 horas, e na Alameda Castela, abrirase un Punto de Información Arcoiris e, ás 22 horas o punto e final aos actos o poñerá o concerto de Sacha na horta, tamén na Alameda Castelao.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.