Xoves, 27 Marzo de 2025

Redondela non renunciará ao convenio da Avenida de Mendiño e “xa emitiu a retención de crédito pola cantidade acordada inicialmente”

O Goberno local asegura que a comunicación remitida pola Axencia “insta ao Concello a admitir unha proposta que non se axusta á normativa vixente e na que non figuran os cambios propostos e enviados á AXI”

O Concello de Redondela deixou hoxe clara a súa intención inequívoca “de non renunciar” ao convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para a remodelación da Avenida Mendiño como se desprende “de todas as actuacións municipais que estiveron sempre encamiñadas a unha resolución satisfactoria desta actuación”, afirma a alcaldesa Digna Rivas, nun escrito dirixido á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Entenden os servizos xurídicos do Concello que coa imposición realizada pola AXI –na que lle daba un prazo de quince días para remitir a certificación de crédito necesaria para cofinanciar a obra– se insta ao Concello a “admitir unha proposta de convenio que non se axusta totalmente á normativa vixente” e na que, amais, “non se achegan os cambios propostos, que ademais foran inicialmente aceptados”.

En todo caso, o Concello de Redondela estaría tan interesado na sinatura convenio de colaboración que “xa emitiu a retención de crédito pola cantidade acordada inicialmente” e amosase disposto “a aumentala para este ano 2020 ao 50 % ingresándoo neste mesmo exercicio, sempre que a Xunta poida dispoñer da súa parte de fondos para este ano e inicie a contratación no ano 2020”

Con iso, puntualiza a alcaldesa, “queda patente o interese deste concello por avanzar na sinatura deste convenio e que, en ningún momento, pensa renunciar a el”.

Cómpre lembrar que logo da recepción do primeiro borrador de convenio, o Concello remitiu á Axencia Galega de Infraestruturas –no mes de abril e con constancia da súa recepción na AXI– un informe no que se pedía correccións sobre o importe das achegas do Concello para esta obra xa que sinalábase que “lle corresponderían custos dos servizos municipais de abastecemento e saneamento e co 50 % do importe do alumeado”, pero a maiores, “o convenio engadía a semaforización”. Precisamente no escrito remitido á Xunta sinalábase “que dita semaforización non forma parte dos servizos municipais de prestación mínima”, polo que debería eliminarse dita referencia.

Lembralle a alcaldesa Digna Rivas á AXI, no escrito remitido, que “a tramitación dos expedientes administrativos non se poden basear en hipóteses, senón en documentos administrativos axustados á normativa vixente, que permitan facer a retención de crédito correspondente”.

O escrito da Alcaldía redondelá recalca “o interese de continuar coa tramitación e a sinatura do convenio de colaboración e en ningún caso –insiste– expón a súa renuncia” polo que solicita a AXIa remisión “da proposta definitiva coas porcentaxes e anualidades que resulten da mesma para poder remitir a conformidade e o compromiso de crédito, continuando co espírito de colaboración e cooperación que presidiron a tramitación deste convenio entre a Axencia e este Concello”.