Os máis de 60 participantes representando a 15 salas de toda España e Portugal, converterán a Redondela na capital indiscutible da esgrima antiga no marco do III Torneo de esgrima histórica Vila de Redondela que se disputará o sábado 8 de febreiro, a partir das 9 h no pavillón de Redondela, coñecido popularmente como ‘A bombonera’. O evento foi presentado, na mañá de hoxe pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, á que a compañaban o concelleiro de Cultura, Nacho González e Damián Troncoso, presidente e fundador da Sala Viguesa de Esgrima Antiga e un referente en España neste deporte.
O torneo de Redondela ven de experimentar un crecemento espectacular que se consolida, nesta terceira edición, duplicando o número de participantes con respecto á edición do pasado ano. Tal e como explicaba Damian Troncoso, son máis de 60 participantes representando 15 salas de España e Portugal “que nos converten no torneo máis grande que se ten feito en Galicia ata o momento e, posiblemente, un dos máis grandes de España”.
Troncoso, amosaba a súa satisfacción polo feito de que, cada ano “son máis as persoas que se achegan ata este torneo para coñecer de preto esta disciplina que é moi espectacular”. A realización deste torneo en Redondela, “no meu municipio” recalcaba Damián fai que na Sala Viguesa de Esgrima Antiga, que por certo ten a súa sede social en na parroquia redondelá de Cedeira, “teñamos alumnado de Redondela, de San Estaban, de Cedeira e outras zonas”.
O torneo dispútase no formato mixto, competindo mulleres contra hombres sen ningún tipo de distinción ao igual que tampouco hai división por idades porque –sinala Damian Troncoso– “é un torneo onde a arma, a espada, iguala as forzas. A esgrima é cuestión de destreza e axilidade e iguala as idades e os xéneros”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que agradecía “o traballo realizado pola Concellería de Deportes que dirixe Nacho González, para que o sábado todo saia perfecto”, tiña tamén palabras de agradecemento para Damián Troncoso “por elixir Redondela para a celebración deste torneo que recupera unha parte da historia a través dunha disciplina deportiva moi vistosa”. Rivas salientou tamén a importancia da presenza feminina neste torneo “seguindo esa transversalidade que buscamos sempre dende o Goberno en todas as actividades que se desenvolven en Redondela”.
A rexedora local salientou a importancia que ten a presenza de máis de 60 participantes “pertencentes a salas de esgrima antiga de Madrid, Barcelona, Bilbao, Mallorca, Oporto e Lisboa, que veñen acompañados de familia e amigos e que aproveitarán para coñecer o noso municipio e o seu potencial turístico”.
Digna Rivas adiantou que o torneo, ao contrario que en anos anteriores que disputouse ao aire libre, “pasará ao pabillón de deportes porque, coa inestabilidade meteorolóxica que hai non nos imos a arriscar”.
No que ás diferentes disciplinas das que poderán gozar as persoas que se acheguen ao pabillón deportivo redondelá, a que máis seguidores ten é a denominada ‘espada ropera’ ou, como explica Damián Troncoso, “a espada de ‘Alatriste’ ou a dos mosqueteiros” motivado porque é a máis accesible para os recén chegados a este deporte “e a menos contundente” e polo tanto a que menos proteccións precisa pero, matizaba Troncoso “a arma raíña é a espada longa, a dos cabaleiros medievais”.
É, sen dúbida, un torneo moi espectacular e visual no que as e os tiradores compiten en poules (enfrontamentos), primeiro no formato de liguilla para, de aí, saír as e os participantes nos oitavos de final, cuartos de final, semifinais e da final. As poules comezarán ben cedo, cara ás 9 horas do sábado, primeiro coa espada e broquel (esdudo) “a disciplina máis antiga”, explicaba Damián Troncoso, para seguir coa espada ropera a media mañá e rematar coa espada longa ao mediodía.
Finalmente, Digna Rivas facía especial fincapé na “importante promoción turística que para o noso municipio supón a presenza de 64 participantes de toda España e Portugal, que veñen con familias”. De feito, como explicaba Troncoso, “as e os tiradores farán unha visita á Illa de San Simón e tomar contacto coa memoria histórica e a historia de Redondela e “se hai tempo, ao Meirande, para afondar máis na historia do municipio”.