10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela contrata a 19 persoas en situación de desemprego ao abeiro do...

    Redondela contrata a 19 persoas en situación de desemprego ao abeiro do Plan Concellos da Deputación

    As novas incorporacións permiten reforzar os servizos que se prestan á cidadanía e contribúen a que as persoas beneficiarias poidan adquirir experiencia nas súas respectivas áreas

    O Concello de Redondela vén de contratar a un total de 19 persoas en situación de desemprego para reforzar a prestación de servizos á cidadanía. Máis polo miúdo trátase de tres técnicas de Turismo, unha traballadora social, tres persoas para reforzamento do servizo eléctrico e 11 traballadores e traballadoras forestais.

    Tal e como explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, as contratacións realizadas a través do Plan Concellos “contribúen a paliar a situación económica na que se atopan as persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, proporciónanlle experiencia de cara a mellorar a súa inserción nun mercado laboral cada día máis competitivo e especializado”.

    A rexedora local sinalou que as tres técnicas de Turismo permitirán desenvolver proxectos que a Concellería ten en marcha “de cara a poñer en valor os amplos recursos que, nesta materia, ten o municipio”. Rivas destacou o feito que Redondela debe aproveitar “a súa situación estratéxica no Camiño de Santiago” ao confluír no municipio o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa e, a contratación de tres persoas, permitirá desenvolver estratexias de cara a dar a coñecer a potencialidade que ten o municipio.

    Doutra banda, a contratación dunha traballadora social permite reforzar o departamento de Servizos Sociais que, debido á crise xerada pola pandemia da Covid, conta cada día con maior número de usuarios e usuarias “con demandas e problemas aos que hai que dar solución coa maior rapidez posible”, afirma a alcaldesa redondelá.

    Finalmente, a contratación de tres persoas para o servizo eléctrico e once traballadoras e traballadores forestais permitirá desenvolver, por unha banda, o proxecto de modernización do alumeado público nas parroquias e por outra, iniciar de inmediato as labores de rozado e limpeza do viario municipal.

    A alcaldesa quixo tamén destacar a importancia do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra no que á dinamización do mercado laboral atinxe “ao permitir paliar a situación pola que pasan as persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, reforzar os servizos que os concellos prestan á cidadanía”

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.