23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela celebró un encontro interxeracional virtual para conmemorar o Día Internacional das...

    Redondela celebró un encontro interxeracional virtual para conmemorar o Día Internacional das Persoas de Idade

    “Redondela precisa avanzar apoiado na experiencia dos nosos maiores e no empuxe da nosa mocidade”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas ao longo do encontro

    O Concello de Redondela, conmemorou onte o Día Internacional das de Idade, e o fixo a través dun encontro interxeracional virtual no que persoas maiores pertencentes aos centros de día do municipio –Lucía de Arela, Enrique do Galeón, Valentina e Domingo de Os Cortizos e Benigno do Centro Residencial de Cesantes– compartiron e intercambiaron experiencias con catro alumnos e alumnas do IES Illa de San Simón: Elena, Antía, Martín e Adrián.

    A actividade consistiu, primeiramente, na proxección dun vídeo que se presentou no Centro Cultural de Cedeira, no que a alcaldesa estaba acompañada polo grupo ‘Maiores contaxiando responsabilidade” unha iniciativa do Concello redondelán que busca espallar, a través dos propios maiores, a necesidade de adoptar medidas preventivas fronte á COVID-19. No vídeo proxectado, persoas de idade ofrecían unha visión moi particular da vida, da súa experiencia e da súa propia condición de maiores.

    Posteriormente, e xa dende a Casa do Concello, o vídeo proxectouse simultaneamente aos catro centros de día do municipio e aos alumnos e alumnas do IES Illa de San Simón que participaban neste encontro interxeracional virtual. A xornada concluía cun interesante intercambio nos que, os e as maiores, falaban da súa propia experiencia e da visión que tiñan da mocidade actual e, mozos e mozas, expresaban a súa opinión sobre a súa vida como sector máis novo da poboación e sobre a visión que tiñan, como xente nova, das persoas de máis idade.

    A importancia desta actividade, que pon en contacto directo ás persoas maiores e á mocidade, era resaltada por Digna Rivas que sinalou que “Redondela precisa avanzar apoiada na experiencia dos nosos maiores e no empuxe da nosa mocidade”.

    A alcaldesa asegurou que os nosos maiores, lonxe de ser espectadores, “teñen un cúmulo de experiencias e vivencias que ninguén se pode permitir o luxo de desperdiciar” e esa experiencia, engadiu, “precisa da forza da mocidade para poder aproveitala e seguir sendo útil á sociedade”.

    A realidade da COVID-19, unha pandemia coa que tristemente teremos que convivir durante moito tempo, impediu a celebración dun acto presencial de convivencia similar ao que se fixo o pasado ano e que serviu, “tanto a maiores como á mocidade, para establecer unha ponte entre dúas xeracións fundamentais no desenvolvemento social” concluíu a rexedora local.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.