10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela celebra esta fin de semana 'A Batalla de Rande' rodeada dun...

    Redondela celebra esta fin de semana ‘A Batalla de Rande’ rodeada dun estrito protocolo de seguridade sanitaria

    O Goberno local aposta por manter a actividade cultural pero “primando por enriba de todo a seguridade sanitaria e sempre dependendo da evolución da crise da COVID-19”

    O Concello de Redondela confirmou hoxe a celebración, esta fin de semana, da ‘Batalla de Rande’, unha das celebracións máis destacadas do municipio é que este ano desenvolverase rodeada dun estrito protocolo de seguridade sanitaria.

    A Alcaldía redondelá, que mantén un “continuo e fluído” contacto coa Consellería de Sanidade, recibiu onte a confirmación explícita da administración sanitaria de que, este tipo de eventos, non estaban incluídos nas prohibicións da Orde publicada onte no Diario Oficial de Galicia, e polo tanto, non existía ningún impedimento para a súa celebración.

    En todo caso, a alcaldesa Digna Rivas adiantou que este evento “estará rodeado dun estrito protocolo de seguridade sanitaria de cara a garantir, en todo momento, a saúde de todas as persoas participantes”.

    Nesa liña, tanto a rexedora local coma o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, lembraron que Redondela foi, durante todo este tempo, “un exemplo en canto a organización de eventos culturais nos que primou a seguridade por enriba de calquera outra consideración” e agradeceu “os esforzos e traballo que, para que isto fora posible, desenvolveu o persoal do Concello de Redondela”.

    Dada a importancia deste evento, os protocolos sanitarios que habitualmente adopta o Concello para os eventos culturais, “serán máis estritos que nunca, con controis de temperatura na entrada, control do uso de máscaras por parte do público durante todo o evento, aforo restrinxido e coas cadeiras debidamente separadas, e control á hora de entrada e saída para evitar aglomeracións”.

    Digna Rivas lembra que o aforo será limitado “mediante entradas que se poden retirar con antelación tanto na Oficina de Turismo da Casa do Concello ou no Museo Meirande, entradas que serán obrigatorias para poder acceder ao recinto que estará debidamente acotado”.

    A celebración da Batalla de Rande “era un compromiso que tíñamos adquirido coa veciñanza que leva moito tempo traballando arreo na súa organización e que miraban con preocupación a posibilidade de suspensión”, explica a alcaldesa redondelá.

    Cómpre salientar que, para unha celebración da actividade máis segura, ás medidas antes mencionadas engádese o alongamento da ‘Batalla’ en dúas xornadas –sábado 17 durante todo o día e domingo 18 pola mañá– de cara a distribuír as actividades ao longo de toda a fin de semana.

    O Concello de Redondela apostou sempre pola cultura, un sector que como tantos outros foi duramente golpeado pola pandemia da COVID-19. A intención do Goberno local, polo tanto, é tentar de manter na medida do posible as actividades culturais previstas pero, enfatiza Digna Rivas “primando, por enriba de todo, a seguridade sanitaria que ten, para este Goberno, prioridade absoluta sobre calquera outra consideración e sempre dependendo da evolución da COVID-19”. A Batalla de Rande celebrarase, remata a alcaldesa de Redondela, “porque se pode facer de xeito seguro e cun protocolo estrito que todos e todas deberemos cumprir”.

    O concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, sinalou que ‘A Batalla de Rande’ aspira ao recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia “e para iso precisa que se teña celebrado durante 15 anos de xeito ininterrompido polo que, a súa suspensión aínda que sexa por circunstancias excepcionais como as que se están a vivir, podería supoñer un grave contratempo para dita declaración”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.