11 persoas usuarias da Asociación Érguete realizaron, o pasado 2 de setembro, a etapa Vigo-Redondela do Camiño Portugués pola Costa. “É unha actividade que nunca fixemos, e unha oportunidade para superarnos a nós mesmos”, destacou Manolo, un usuario que prefire non mencionar os seus apelidos. Todos eles son residentes das vivendas da acollida da entidade en Vigo, onde viven en compañía dun equipo de profesionais e loitan para poder integrarse na sociedade de maneira normalizada, e deixar atrás así as súas adiccións e problemas de conduta.
“Facer deporte e esforzarse para mellorar é importantísimo para deixar unha adicción”, explica o coordinador do programa da Asociación, Javier Alonso. Por iso, cando a Policía Nacional animounos a realizar con eles un tramo do Camiño de Santiago “aceptamos encantados”, explica. Para a Asociación Érguete é unha máxima que estas persoas usuarias teñan presencia en actividade cotiás e de lecer para que “poidan comprender con feitos que poden integrarse da mellor maneira no día a día da sociedade”.
A expedición da Asociación e da Policía Nacional rematou o Camiño sen problemas, e algúns “preferían seguir ata Santiago”. Para os educadores e educadoras de Érguete esta actividade foi un “éxito que esperamos repetir”. Manolo, tamén aproveitou esta etapa para agradecer “o esforzo que fan na Asociación para axudarnos”, e afirmou que a entidade “é unha familia para nós coa que camiñamos hoxe e tamén todos os días”. “Coa súa axuda teño esperanza de saír do buraco da adicción, e comezo a facer cousas que non pensaba que puidera volver facer”, conclúe.
Dende a Asociación Érguete queren agradecer a Policía Nacional o seu traballo para por en marcha esta actividade, e agardan que o seu programa
‘Protegemos en Camino’ axude a persoas en risco de exclusión a desfrutar do Camiño de Santiago.
O programa de vivendas de apoio ao tratamento da Asociación Érguete está subvencionado pola Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, e o Fondo Social Europeo.