25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaOs colexios de Redondela participan no programa «Educando na Igualdade»

    Os colexios de Redondela participan no programa «Educando na Igualdade»

    A iniciativa está promovida polas concellerías de Servizos Sociais e Igualdade en colaboración coa asociación Érguete

    Alumnas e alumnos de 1º de primaria do CEIP Igrexa-Chapela participaron onte nun dos obradoiros do programa ‘Educando na Igualdade’, unha iniciativa do Concello de Redondela, desenvolvida través das concellerías de Igualdade e Servizos Sociais, e a Asociación Érguete, que ten a finalidade de proporcionar aos nenos e nenas ferramentas de sensibilización, implicación e actuación baseadas nunha verdadeira relación de igualdade cos demais.

    Na mañá de hoxe, as concelleiras de Servizos Sociais, Marta Alonso e Ensino, Olga García Ballesteros, visitaban aos nenos e nenas que participaban nesta actividade e que amosaban a ámbalas dúas concelleiras os traballos que estaban a realizar.

    Educando na Igualdade, como explicaba a alcaldesa e concelleira de Igualdade, Digna Rivas, é un proxecto que forma parte “desa transversalidade que dende, o Goberno de Redondela, queremos aplicar a todas as áreas”. Rivas aseguraba a iniciativa que se desenvolvía nos colexios “é fundamental xa que a loita pola igualdade real e pola erradicación da violencia de xénero, ten que comezar pola educación”.

    O programa, dende esa perspectiva, está dirixido ao alumnado do primeiro ciclo de Educación Primaria e consta dun total de 10 horas por aula distribuídos en dúas sesións grupais de catro horas dedicadas aos nenos e nenas e unha sesión final, de 1 hora de duración dedicada ás familias do alumnado participante.

    Digna Rivas subliñaba a importancia da sesión dirixida as familias “que serve para darlles a coñecer as conclusións extraídas do traballo realizado cos nenos e nenas e, ao mesmo tempo, propoñer pautas de actuación e resolver as dúbidas que poidan ter as nais e pais”.

    Unha vez rematada a actividade con nenos e nenas no CEIP Igrexa-Chapela, a reunión coas familias terá lugar o 18 de febreiro.

    Os obradoiros Educando na Igualdade continuarán no CEIP Reboreda e no CEIP Alexandre Bóveda, os días 4 e 11 de marzo, sendo a reunión coas familias, en ámbolos dous casos, o 17 de marzo.

    Os días 18 e 25 de marzo desenvolverase o obradoiro no CEIP Cedeira e as reunións coas familias, o 21 de marzo.

    O CEIP Laredo e o CEIP Outeiro das Penas, participarán no programa Educando na Igualdade os días 15 e 22 de abril e a reunión para as familias será, en ambos casos, o 28 de abril.

    O CEIP Santa Mariña acolle esta iniciativa os días 29 de abril e 12 de maio e a reunión cos pais queda fixada para o 12 de maio.

    Pola súa banda, o CEIP Quintela terá os seus obradoiros os días 13 e 20 de maio e a reunión coas familias o 26 de maio e, finalmente, o CEIP Porto Cabeiro pechará o programa os días 20 e 27 de maio quedando fixada a reunión coas familias o día 2 de xuño.

    O programa Educando na Igualdade financiase cos fondos propios da Concellería de Servizos Sociais e da Concellería de Igualdade, neste caso a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.