Luns, 24 Marzo de 2025

O temporal deixa sen electricidade ao depósito de auga de Candeán que abastece ao barrio de Parada, en Chapela

Ao redor as 14:30 horas do día de onte, o director de ACUALIA informou ao Concello de Redondela e ao concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, que por mor do temporal o depósito de Candeán Vigo que abastece de auga o barrio de Parada en Chapela quedou sen abastecemento eléctrico polo que, ata que a compañía eléctrica resolva a avaría, esta zona estará sen abastecemento de Auga.

Este corte de abastecemento –explica o departamento que xestiona Roberto Villar– afecta ao Centro de atención de persoas con diversidade funcional CAPD de Chapela “que xa están informados da situación”.

Villar sinala que tamén deu conta da avaría “á Asociación de veciños de Chapela e aos grupos da oposición. Esta falta de abastecemento tamén pode afectar a pequenos grupos de vivendas da zona alta de Trasmañó”.

Dende a concellería esperan que se resolva a incidencia canto antes pois o depósito de Candeán-Vigo tamén abastece o depósito de A Bruxa “que nestes momentos atópase con capacidade suficiente pero, de non solucionarse a incidencia nas vindeiras horas, podería causar problemas de abastecemento noutras zonas da parroquia de Chapela e Trasmañó”.