11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Museo Meirande solicita a súa inclusión na Rede de Espazos Museísticos...

    O Museo Meirande solicita a súa inclusión na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA)

    A concelleira de Turismo, María Castro, subliña a importancia deste paso “de cara a poñer en valor este espazo e convertelo nun museo dinámico”

    A Concellería de Turismo que xestiona María Castro, vén de solicitar a inclusión forman do Museo Meirande na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) á que, ata o de agora, non pertencía. Unha das primeiras decisións tomadas pola nova concelleira foi preparar a documentación e presentar a adhesión do museo redondelán, solicitude que será levada á reunión que esta asociación museística celebrará neste mes de setembro “polo que esperamos que o Meirande sexa membro de pleno dereito do REMA neste vindeiro mes de outubro”, engade Castro.

    Tal e como explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a inclusión do Meirande na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos “non só pon ao Meirande no mapa dos museos costeiros de Galicia, norte de Portugal e Asturias, senón que é un extraordinario elemento de dinamización do patrimonio ligado ao mar”.

    Cómpre salientar que os museos –31 nestes momentos– que pertencen a rede, acollen exposicións temporais dos fondos cedidos polos seus membros “o que nos brinda unha marabillosa oportunidade de dar a coñecer os fondos do Meirande noutros espazos e, ao mesmo tempo, acoller fondos procedentes de museos membros para a súa exposición de difusión”.

    Tanto a alcaldesa como a concelleira de Turismo, chaman a atención sobre a importancia de pertencer a unha rede na que, entre outros, atópanse o museo da Torre de Hércules, o Museo de Historia Natural do Ferrol, o Museo Marítimo de Asturias, a Casa da Navegación de Baiona ou Museo do Mar da Guarda.

    O REMA foi posto en marcha polos GALP (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro) Costa da Morte e Seo de Fisterra e Ría de Muros e Noia: Costa Sostible e ten como obxectivo poñer en valor todo o patrimonio –material e inmaterial– ligado ao mar. De feito, lembra a alcaldesa de Redondela, “o REMA é a primeira rede especializada de contidos relacionados coa cultura mariñeira” polo que cualificou de “imprescindible” a presenza de Redondela neste organismo dada a súa estreita vinculación co mar e a importancia que o Meirande ten como centro de interpretación dun espazo histórico como Rande e a enseada de San Simón.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.