A presidenta da Deputación, Carmela Silva, confirmou hoxe que a institución acaba de recibir unha nova achega do IDAE de 387.900 euros para que Portas, Vilaboa, Cangas, Redondela, Tomiño e A Cañiza poidan contar con novas instalacións para o uso térmico en infraestruturas municipais. Deste xeito, estes seis concellos poderán substituír o sistema que empregan na actualidade por caldeiras de biomasa Con esta subvención, “Europa volve a revalidar os proxectos da Deputación, que aposta pola sostibilidade dos edificios públicos no mundo local”.
Este tipo de caldeiras é un sistema de calefacción eficiente que ofrece múltiples beneficios ao ser unha fonte de enerxía inesgotable que produce niveis moi baixos de contaminación ambiental e axuda a diminuír a dependencia dos combustibles fósiles. O seu emprego tamén colabora na limpeza dos montes ao empregarse material orgánico para poder facer este tipo de calefacción, o que reduce o risco de incendios. Este sistema, apuntou a presidenta, tamén ten outros beneficios como reutilizar os residuos industriais e, ademais, emprega a alta tecnoloxía “polo que tamén é un referente en avances tecnolóxicos”.
En concreto Portas (preto de 95.000 €) realizará actuacións no albergue, no campo de fútbol e no pavillón municipal, Vilaboa (cerca 32.000 €) na casa do concello, e Cangas (case 90.000 €) na pista de atletismo e no pavillón municipal. Redondela (preto de 90.000 €) tamén actuará no pavillón municipal así como na casa da cultura e Tomiño (32.000 €) contará con caldeiras de biomasa nos edificios de benestar social e policía. Pola súa banda, A Cañiza (50.000 €) empregará esta subvención para substituír os radiadores eléctricos de 15 edificios municipais – como centros culturais, tanatorios ou unha biblioteca- por estufas de pellets. Ademais, todas as instalación disporán de sistema de telexestión e adaptaranse as salas de máquinas existentes.
No que vai de ano o IDAE leva xa concedidos á Deputación 6,2 millóns de euros destinados a proxectos en 29 concellos e a unha entidade local menor. Estes fondos están a servir para mellorar a iluminación exterior cara un modelo máis sostible de eficiencia enerxética e para mellorar as infraestruturas da provincia e reducir a pegada de carbono. A estes fondos súmaselle agora a nova concesións para as instalacións de uso térmico da biomasa en infraestruturas municipais.