Domingo, 10 Novembro de 2024

O Goberno de Redondela pide “honestidade” á portavoz do Partido Popular

O Concello redondelán pide a inmediata rectificación das declaracións realizadas pola portavoz do PP, María Carmen Amoedo, en relación coa oficina de Rexistro de Chapela

O Goberno local cualificou de “irresponsabilidade” e “incapacidade de aceptar o papel que lle corresponde neste mandato” as declaracións formuladas pola portavoz do PP, Carmen Amoedo, nas que aseguraba que a oficina de Rexistro de Chapela levaba quince días pechada e acusaba ao Goberno local de “irresponsable” por non cubrir as baixas do persoal provocando, segundo ela, “o abandono dos servizos básicos”.

Para o Goberno local o máis grave “á vez que triste, é que a sra. Amoedo sabe perfectamente que, dende o primeiro día de baixa da auxiliar administrativa titular, o servizo foi cuberto por distintos traballadores e traballadoras e que os usuarios e usuarias puideron realizar os trámites con total normalidade”. Xa postos a terxiversar a realidade, di o Goberno que preside Digna Rivas, “o PP minte incluso na posta en marcha do servizo coa intención de ‘colgarse medallas’ xa que aseguran que foi creado no 2013 polos populares cando o certo é que este servizo xa funcionaba en Chapela dende o 2009 dato, por certo, fácilmente comprobable”.

Non lle sorprende ao Goberno local “a falta de honestidade do PP á hora de utilizar calquera medio, incluso a mentira, para intentar obstaculizar a labor do Goberno” aínda que advirte que “baixo ningunha circunstancia toleraremos declaracións falsas e tendenciosas que afectan aos traballadores e traballadoras municipais que realizan con dilixencia e rigorosidade as súas tarefas públicas”.

Considera o Goberno presidido por Digna Rivas que coas declaracións formuladas pola voceira do Partido Popular, “non só ataca ao grupo de Goberno senón que tamén atenta contra á dignidade e o traballo dos funcionarios e funcionarias deste Concello”.

No Pleno do pasado 19 de decembro, solicitóuselle á voceira do PP que rectificara estas afirmacións, pero á vista de que non so non se desmentiu esta noticia senón que o PP de Redondela afirma que o servizo se repuxo grazas a súa denuncia, o Goberno de coalición PSOE-AER, despois de pedir os correspondentes informes dos distintos departamentos municipais, anuncia que “tomará as medidas oportunas contras as declaracións da Voceira popular”.

Lembra o Goberno redondelán que hai uns meses, a portavoz do PP, “utilizando a mentira como única arma” aseguraba que o Concello deixaba “baixo mínimos” as oficinas de Servizos Sociais durante a primeira semana de setembro, “ocultando á veciñanza que era unha situación provocada por ela mesma, cando era concelleira de Servizos Sociais, ao asinar no mes de abril un cadro de vacacións no que concedía permisos as dúas administrativas, á Coordinadora do servizo e a unha das traballadoras sociais”.

“Lonxe de calar ante unha pésima xestión municipal do seu departamento –conclúe o Goberno local– a portavoz do PP utilizou o sistema de ‘fuxida cara adiante’ utilizando como única ferramenta a falsidade e a desinformación da veciñanza”.