A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, valorou o acordo acadado polo Goberno socialista que preside con AER e BNG que permitiu a aprobación dos Orzamentos 2022 “nun contexto no que o benestar da veciñanza e o desenvolvemento do municipio antepuxéronse a criterios partidistas”. Rivas non dubidou en cualificar de “históricos” os Orzamentos aprobados no Pleno, “tanto polo seu importe, superior aos 20,1 millóns de euros, coma polo feito de que permiten reforzar todas as áreas de protección social cun notable incremento en todas as súas partidas”.
“A miña liña de traballo foi sempre, e seguirá sendo, tender a man aos partidos da oposición chegar a acordos e acadar consensos co único fin de beneficiar ao conxunto da cidadanía, sen ningún tipo de distinción”, afirmou a rexedora socialista que reiterou o agradecemento a AER e BNG “polo traballo realizado e as continuas reunións que antepuxeron o ben común ante calquera outra consideración”.
Digna Rivas reafirmouse nun xeito de gobernar centrado, única e exclusivamente, “en chegar a acordos que contribúan a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños” porque, engadiu, “iso é o que ten que facer un alcalde o alcaldesa, gobernar de xeito ecuánime para o conxunto da cidadanía porque todos e todas formamos parte de Redondela, sen distinción de cores e credos”.
Doutra banda, a alcaldesa redondelá lamentou a política “obstrucionista” do PP redondelán que coa súa oposición aos orzamentos “non vota en contra desta alcaldesa nin desta Alcaldía, vota en contra de toda a cidadanía, incluídos os seus votantes, a quen non lle importa prexudicar con tal de desgastar ao Goberno local”
“O ante todo Redondela dos populares e do excalde Javier Bas, queda retratado coa súa postura e convertido nun ante todo Redondela… se gobernamos”. Para a alcaldesa non estaría de máis que explicasen o seu lema á cidadanía “cando levan todo o mandato, dende que as urnas lles quitaron a responsabilidade de Goberno, votando sistemáticamente en contra de toda canta iniciativa presenta o Goberno socialista independentemente do tema que se trate”. Non estaría de máis, engade Digna Rivas, “que tomaran exemplo dos seus compañeiros de oposición, capaces de deixar a un lado partidismos e mirando tan so o benestar das e dos redondeláns”.
As contas municipais aprobadas, cun importe de 20 173 441,06 euros –case que 1 millón máis que no último orzamento aprobado do 2018– “deixan ben as claras o esforzo que este Goberno, a través da Concellería de Facenda que dirixe María Castro, levou a cabo para sanear as contas municipais”, apunta a alcaldesa de Redondela o que, subliña, “permite que neste orzamento non se contemplen nin gastos financeiros, nin cotas de amortización por préstamos e non recollen subidas de impostos”.
O Orzamento 2022, como sinala Digna Rivas, “ten un fondo contido social” e nesa liña contempla un aumento na area de gasto de actuacións e protección social de case 700 000 euros “para dar resposta a unha crise que imos deixando atrás e coa intención de prestar especial atención ás persoas que precisan da axuda pública para poder seguir desenvolvendo a súa vida de xeito digno”.
Así, os fondos destinados para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) “pasan dos 550.000 euros do orzamento do PP no 2018 aos máis de 1 300 000 euros que destinamos neste 2022e do mesmo xeito incrementamos os fondos destinados ás persoas maiores coa creación dunha nova partida dirixida a adquisición de axudas técnicas.
Na mesma liña, o Orzamento 2022 recolle un importante incremento nas axudas para comedores escolares que pasan dos 30 000 euros aos 40 000 euros e crea unha partida para axuda á natalidade, e destínanse 93 000 euros a teleasistencia e programas e actividades dirixidas ás persoas maiores. Do mesmo xeito, increméntase en 86 000 euros o apartado dedicado a Igualdade no que se inclúen iniciativas como a redacción dos Plans de Igualdade ou a creación dos Premios Sesé Mateo.
Doutra banda, a alcaldesa cualifica de “moi importantes” os gastos de inversión que supera os 2 millóns de euros e que incorporan as achegas necesarias para as obras do programa Redondela 2020, con obras como a da Praza de Ponteareas –xa en execución–, a rehabilitación do antigo conservatorio, de inicio inminente, e outras pendentes de comezar como o skatepark en Chapela ou a rehabilitación do edificio das antigas vivendas dos mestres para a creación dun museo.
As contas destinan unha importante partida para continuar desenvolvendo o plan de mellora de camiños municipais, “partida inexistente nos anteriores orzamentos do PP para quen as parroquias, polo que parece, eran invisibles”, engade Digna Rivas.
No capítulo de subvención municipais, créanse novas liñas de axuda para as Comunidades de Augas, adquisición de material informático para o alumnado, así como medidas enfocadas para impulsar e mellorar a competitividade do comercio local.