25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Concello de Redondela urxe á Xunta que confirme a consignación orzamentaria...

    O Concello de Redondela urxe á Xunta que confirme a consignación orzamentaria para a construción da Escola Infantil de Chapela

    A alcaldesa Digna Rivas mantivo unha xuntanza telemática co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar na que lle trasladou o “compromiso firme” do Concello coa construción desta unidade educativa

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, mantivo na mañá de hoxe unha reunión telemática co director xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, para tratar sobre a construción da Escola Infantil na finca da Ginaria, en Chapela.

    Por parte do Consorcio trasladóuselle á alcaldesa que para asinar un convenio de colaboración para a construción da Escola Infantil, o Concello debería elaborar o proxecto, punto no que o Goberno local estaría de acordo “sempre e cando houbera un compromiso firme e a correspondente consignación orzamentaria para tal obra por parte da Xunta de Galicia”.

    O certo é que os servizos técnicos do Concello salientan a imposibilidade de facer un proxecto previo para unha obra de tal calibre sen dito compromiso orzamentario. Nesa liña, a alcaldesa lembrou que Zona Franca, para asinar un convenio de colaboración do Concello de Redondela, “cuantificou o orzamento reservado para distas actuacións nos Orzamentos Xerais do Estado”.

    Digna Rivas considera que “non é de recibo” pretender que o Concello acometa a redacción dun proxecto “sen saber con certeza se logo o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar vai ter os fondos necesarios para acometer a obra”.

    Todos os problemas que agora presenta o Consorcio para a construción desta Escola Infantil, matiza a alcaldesa de Redondela, chocan coa presa que tiñan o propio Consorcio e o entón Goberno do PP, en asinar un “protocolo express” para a construción deste equipamento poucos días antes das eleccións do 2019, “sen existir daquela nin o proxecto que agora esixen, nin a Modificación Puntual das Normas Subidiarias que permitiran a instalación desta escola infantil nos terreos elixidos e que este Goberno xa tramitou e está a espera da aprobación por parte da Xunta de Galicia”.

    En vista das actuais circunstancias e a tenor da conversa mantida hoxe, Digna Rivas “urxe” á Xunta de Galicia “comprometa a correspondente consignación orzamentaria para que, o Concello, poida iniciar os trámites de redacción do proxecto”. A alcaldesa lémbralle ao Consorcio que “os servizos técnicos municipais xa trasladaron á Alcaldía a imposibilidade de iniciar ditos trámites sen que haxa un compromiso expreso por parte da Xunta”.

    Digna Rivas insistiu en que a escola infantil de Chapela “é unha necesidade urxente para as nais e pais dos nenos e nenas da parroquia e, este Goberno, utilizará todos os medios ao seu alcance”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.