O Concello de Redondela vén de acoller “con reservas e escepticismo” o anuncio realizado pola Xunta de Galicia sobre a implantación do Bacharelato de Artes no municipio para o vindeiro curso que, “se ben da resposta ás continuas e insistentes demandas que levaba facendo a Federación de ANPAS de Redondela e o propio Goberno local, non aclara nin prazos, nin lugar para poñelo en marcha”.
Digna Rivas amosase escéptica sobre tal anuncio “toda vez que a matrícula para o vindeiro curso xa está pechada e moitos mozos e mozas, que tiñan a intención de estudar o Bacharelato de Artes, formalizaron a súa matrícula en Vigo, Mos ou Pontevedra ou, ante a falta de posibilidade de desprazarse, optaron por outras especialidades”.
“As mozas e mozos de Redondela non son de segunda categoría e, como Goberno de todas e todos, non imos consentir que se lles trate como tales”, afirma con rotundidade a alcaldesa redondelá quen, en todo caso, considera “estraño” que a pesar de terse anunciado a posta en marcha do Bacharelato de Artes “a estas alturas non saiba “nin como, nin onde, nin cando e, nin tan sequera si será en horario de mañá ou tarde”.
Digna Rivas lembrou que o Goberno local “apoiou, apoia e apoiará as xustas reivindicacións das Federación de ANPAS coas que traballamos conxuntamente para que os mozos de mozas de Redondela poidan contar con este bacharelato que, curiosamente, teñen noutros concellos de menor entidade que o noso”.
Doutra banda, a alcaldesa de Redondela considera “absolutamente lamentable e vergoñento” que logo de desatender as insistentes peticións de reunións formuladas pola Federación de ANPAS coa Consellería para tratar de buscar unha solución a este problema “o conselleiro opte por ningunear ás afectadas e afectados e opte por reunirse co PP local para trasladarlle a nova”. “Asemella que as eleccións municipais xa están no horizonte e hai que empezar a vender logros, aínda que, como é habitual, sexan só fume” engade Digna Rivas.
“A falta de cortesía e lealdade institucional para con este Concello é algo a que nos ten acostumados a Xunta de Galicia pero, ata o de agora, nunca o tiñan feito faltándolle tamén ao respecto ás nais e pais representados pola Federación de ANPAS”, puntualiza a rexedora local redondelá quen insiste en que o Concello “seguirá da man das ANPAS ata que consigan o que por dereito e por importancia do municipio lles corresponde”.
O Concello acolle “con moitas reservas” o anuncio da implantación do Bacharelato de Artes en Redondela
Consideran “estraña” a decisión da Consellería “toda vez que o período de matrícula para o vindeiro curso xa rematou e moitos mozos e mozas tiveron renunciar a esa rama ou solicitar praza en Vigo, Mos ou Pontevedra”