Sábado, 8 Febreiro de 2025

O BNG de Redondela alerta sobre a grave situación dun sector extratéxico como é a pesca de baixura

Os nacionalistas denuncian que embarcacións do xeito e racú de Redondela, vense forzadas a mercar cota de xouba en Cádiz, para poder manter a actividade

O BNG de Redondela vén de chamar a atención sobre o problema que supón a limitación do ‘stock’ na pesca da xouba que forza á flota artesanal de Redondela a mercar cota no sur da zona IX, comprendida entre Fisterra a Cádiz para poder seguir faenando. O pasado mes de agosto, lembran os nacionalistas, pechábase a pesquería da sardiña para o xeito e o racú, “que representa o dous por cento do sector, por terse esgotado a cota asignada para a mesma na costa galega”.

Esta práctica imposta polas administracións ás embarcacións tradicionais, supuxo un enfrontamento dentro do propio sector, entre aqueles que si mercaron cota e os que optaron por non entrar neste mercádeo, ou simplemente non tiñan capacidade económica para poder facelo. “Estamos ante unha medida que ademáis de inxusta e moi perigosa abre a porta a branquear a privatización do mar” sinala o responsábel local nacionalista, Anxo Lusquiños.

Pola súa banda a Consellaría do Mar, tén habilitado unha cota de 4 toneladas de xouba para este primeiro trimestre do ano 2020, o que supón 1.000 kg menos que no ano anterior. “Unha cantidade moi baixa para que sexa rendible e que sen dúbida vai volver a obrigar a estas embarcacións a pasar por caixa novamente”, denuncia.

Consideran dende o BNG, que resulta moi pouco entendible que se lle limite a pesca da xouba a estas embarcacións na costa galega porque o “stock” está mal e unha vez que se merca a cota no golfo de Cádiz, xa se lle permita facelo sen problema. Recorda Anxo Lusquiños “que a Consellería mediante a resolución que publicou para aprobar o Plan de xestión da xouba para o 2020, só contempla que estas embarcacións poidan pescar durante seis meses ao ano”.

“Todo esta senrazón incide negativamente nun sector estratéxico en Redondela, como o da pesca de baixura, que ano tras ano vai perdendo peso. O número de embarcacións diminuíu dun modo alarmante, mesmo poñendo en perigo a supervivencia desta actividade tan vencellada o noso concello, denuncia o responsábel do BNG.

Considera Anxo Lusquiños, “totalmente inaceptable e inmoral que se teña que pagar para poder pescar”, apostando por defender dende a Xunta o dereito universal a poder faenar de xeito sostíbel, independentemente da capacidade económica dos mariñeiros. “A única vía posible para garantir o futuro da flota, pasa por un cambio do goberno galego, dende onde traballaremos para deixala ao marxe do sistema de cotas”, remata na súa nota.