Mércores, 11 Decembro de 2024

I Trofeo Concello de Redondela de ciclismo en estrada Élite e Sub23

Máis de 100 deportistas tomarán a saída nunha proba que se desenvolverá en dúas mangas de carreira de fondo e unha sempre espectacular proba de eliminación

O vindeiro 9 de xullo, dende as 16 horas, Redondela converterase no punto de atención do ciclismo nacional nas categorías Élite e sub23, coa celebración do I Trofeo Concello de Redondela organizado pola Concellería de Deportes que dirixe Nacho González e polo Retelec Team Cycling Galicia. Neste trofeo daranse cita máis de 100 deportistas pertencentes aos 10 equipos galegos de ciclismo aos que se engaden os xa confirmados Bicicletas Carlos de León e Ciudad de Oviedo e dous equipos máis, de León e Portugal, pendentes de inscrición.

A alcaldesa de Redondela que agradeceu á Concellería de Deportes e ao Retelec Team Cycling Galicia o “enorme esforzo que supón a organización dun evento deportivo destas características”, puxo de relevo a importancia que ten este trofeo “que, unha vez máis, pon a Redondela no mapa dos grandes eventos deportivos”.

A proba disputarase sobre un circuíto urbano de 2.5 quilómetros na que, primeiramente, disputaranse dúas mangas de fondo que terán que dar 25 voltas ao circuíto e na que nunha que participarán os corredores con dorsal par e noutra os de dorsal impar.

Os quince primeiros de cada unha das mangas, pasarán á unha carreira de eliminación de aproximadamente 30 voltas, unha modalidade sempre espectacular na que va quedando eliminado o corredor que, en cada volta, pase último pola línea de meta que estará situada na Avenida de Alfonso XII.

“É, sen lugar a dúbida, un espectáculo deportivo que fará desfrutar as persoas afeccionadas ao ciclismo que se darán cita en Redondela”, afirma a alcaldesa Digna Rivas quen lembra que o Concello, dentro das súas posibilidades, “apoia aos clubs e deportistas das distintas disciplinas deportivas dende o convencemento que as administracións deben fomentar e axudar o desenvolvemento de estilos de vida saudables e, nada mellor para iso, que a práctica do deporte”.