3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeComarcasRedondela'Conquistadoras' chega a Chapela para permanecer, no paseo marítimo, ata finais abril

    ‘Conquistadoras’ chega a Chapela para permanecer, no paseo marítimo, ata finais abril

    A exposición 'Conquistadoras', que durante o mes de marzo estivo na Alameda Castelao, recolle nomes e rostros de mulleres que exemplifican a importancia da participación da muller na sociedade

    A exposición ‘Conquistadoras’, que durante todo o pasado mes de marzo estivo instalada na Alameda Castelao, chegou hoxe a Chapela para permanecer no Paseo Marítimo ata finais deste mes de abril. ‘Conquistadoras’ amosa a historia do esforzo de moitas mulleres que, dende o seus ámbitos de vida persoais e profesionais, foron quen de ‘conquistar’ o dereito a ser elas sen necesidade de pedir o permiso deles.

    “Durante séculos –afirma a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas– considerouse que a muller non podía acadar os mesmos éxitos ca os homes, ou que simplemente non tiña capacidade dabondo para igualalos. Todos estes prexuízos, que tristemente aínda se manteñen na sociedade contemporánea, foron pouco a pouco desterrados co exemplo destas mulleres que hoxe protagonizan ‘Conquistadoras’”.

    A intención da exposición é, polo tanto, achegar á veciñanza de Redondela un anaco da historia de galicia e sobre todo “destas mulleres capaces de sobrepoñerse a todo tipo de adversidades para demostrar o que non debera precisar de xustificiación: calquera muller pode realizar os mesmo traballos ca un home”.

    Revoltas sociais con nome de muller

    Nun percorrido por ‘Conquistadoras’ atopámonos con rostros e semblanzas biográficas de María Pita ou de María Castaña, dúas mulleres que na época medieval enfrontáronse con armas na man aos abusos do invasor inglés e da igrexa, respectivamente. “Elas lideraron revoltas sociais marcando un camiño, exercendo un liderado nun tempo en que a muller só era recoñecida coma “ama de casa”. Non foi así. A muller traballou na casa e fóra da casa, axudou e colaborou en múltiples loitas, coma calquera persoa sexa do sexo que sexa”, aclarou Digna Rivas.

    Por outra parte, nesta visita de rostros femininos, veciñas e veciños atoparán nomes de mulleres capaces de ser símbolos da cultura, coma Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán; mulleres que abriron o camiño para o acceso á universidade, coma Olimpia Valencia; mulleres conectadas co máis selecto da cultura mundial do seu tempo, coma Maruxa Mallo; pintoras, pianistas, xornalistas… De feito Galicia é berce de mulleres pioneiras en distintos eidos e moitas delas sendo as primeiras de todo o Estado español en chegar a ocupar eses postos, “como sucede con María Luz Morales, a primeira muller en ser directora dun periódico de grande alcance (La Vanguardia); ou Irene González, quen foi a primeira porteira de fútbol nun equipo de homes”.

    A resposta a esta loita das mulleres foi en moitos casos “o machismo e a persecución. Non debemos esquecer, porque é a mellor maneira de sabelo valorar, que moitas destas mulleres foron vítimas de represión” subliñou a alcaldesa de Redondela ao que engadiu que “por iso quixemos incluír mulleres que colaboraron na loita democrática contra o franquismo, coma María Araújo, ou na resistencia contra os nazis, coma Placeres Castellanos. Mulleres coma Pepa Noia, cofundadora da Madres de la Plaza de Mayo, que tanto fixeron por esclarecer a verdade da ditadura en Arxentina, ou a editora María Miramontes na importantísima editorial Nós, quen se exiliou en América tras o asasinato do seu compañeiro Ánxel Casal. Houbo mulleres de orixe galega que saíron ao exilio e alí atoparon o seu camiño. Un caso único foi María Casares, unha das actrices centrais do teatro francés no século XX”, apuntou Digna Rivas.

    As mulleres de Redondela, presentes en ‘Conquistadoras’

    Nesa loita, lembrou a rexedora local, “as mulleres de Redondela tamén estiveron presentes por iso nesta mostra hai rostros de veciñas nosas como Paulina Sánchez, Ernestina Otero, Rita Regojo, Rita Otero… e tamén mulleres dos nosos días que triunfan nos seus ámbitos, coma Cristina Codesido (xerente dos vermús Petroni, que etiquetan todo en lingua galega acadando unha proxección internacional), a atleta Ana Peleteiro, que vén de gañar o campionato de España ou a directora de cine, natural de Cesantes, Diana Toucedo ”.

    ‘Conquistadoras’ permanecerá durante todo este mes de abril quedar instalada no paseo marítimo de Chapela para, en maio, quedar exposta en Cesantes. A partir de aí e con carácter itinerante, percorrerá todas e cada unha das parroquias de Redondela, ademais dos centros escolares.

    Cúmprese deste xeito, un dos obxectivo que ten a Concellería de Igualdade que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, que non é outro que “a loita pola igualdade, non quede cinguida a un so día, senón que sexa unha acción continuada ao longo de todo o ano porque é o único xeito de acadar unha sociedade xusta, igualitaria e decente”.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.