14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaCabeiro, Negros e Reboreda, protagonistas dos libros 'Parroquias de Redondela'

    Cabeiro, Negros e Reboreda, protagonistas dos libros ‘Parroquias de Redondela’

    Os tres libros, editados polo Concello de Redondela a través do Servizo de Normalización Lingüística, engádense aos xa publicados sobre Trasmañó, Cesantes e Redondela

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada pola concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, presentou en rolda de prensa os tres novos libros da colección ‘Parroquias de Redondela’, editados polo Servizo de Normalización Lingüística, nun acto no que tamén estiveron presentes os autores dos tres novos títulos, Amante Romero de Cabeiro; Xosé Couñago de Negros e Carlos Rodríguez de Reboreda.

    Digna Rivas quixo agradecer “a colaboración desinteresada de Amante, Xosé e Carlos nun traballo que busca poñer en valor o patrimonio cultural, natural e artístico das parroquias redondelás”. Os novos títulos ofrecen un percorrido por Cabeiro, San Estevo de Negros e Reboreda e dan continuidade aos xa editados sobre Trasmañó, Cesantes e Ventosela.

    Lembraba a alcaldesa de Redondela que a intención do Goberno local de dar continuidade á serie de libros “mirouse truncada pola chegada da pandemia da Covid e das circunstancias que impedían a súa distribución entre a veciñanza”. “Entramos agora nunha época de nova normalidade –engadiu Digna Rivas– e recuperamos este proxecto que é posible grazas a implicación de persoas como Amante, Xosé e Carlos que se prestan a afondar na historia e patrimonio das súas parroquias”.

    Os libros contan con portadas realizadas por Ángel Barros “un luxo de portadas” afirmou a alcaldesa quen destacou “a sorte de poder contar cun artista da calidade de Ángel para desenvolver este proxecto que pon de relevo a capacidade creativa, literaria por unha banda e artística por outra, dos nosos veciños”.

    A alcaldesa de Redondela tiña tamén un especial recoñecemento “ao magnífico traballo” realizado polo técnico de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez “sempre pendente de todos os detalles deste proxecto”.

    Os tres autores, logo de agradecer a iniciativa do Concello, pasaron a explicar brevemente o contido dos seus libros destacando “o enorme patrimonio que teñen as nosas parroquias e que, moitas veces, pasa desapercibido” como no caso de Reboreda, –Reboreda: espazos de pedra, músicas de auga– “a cantidade de persoeiros cunha traxectoria histórica máis que salientable con que conta a parroquia e que son grandes descoñecidos da historia de Redondela”, afirmou Carlos Rodríguez.

    Amante Romero, en Cabeiro, terra de Cesteiros, pon o foco de atención ha historia da parroquia, os lugares de interese, as festas e o patrimonio “dun recuncho de menos de mil habitantes, pero que para nós, os que nacemos ou vivimos en Cabeiro, é o noso mundo amplo e interminable”

    O libro sobre a parroquia de San Estevo de Negros é o máis amplo dos tres ao contar con sete rutas, perfectamente marcadas nos gráficos e con códigos QR para poder acceder ao percorrido das mesmas “que permiten que, en camiñadas de dúas horas e media a máis longa, as persoas poidan percorrer toda a parroquia e os seus puntos de interese”, afirmou Xosé Couñago.

    Os tres libros, tal e como adiantou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, serán presentados nas respectivas parroquias en datas que se darán a coñecer “para ser entregados en man ás veciñas e veciños e manter un encontro cos respectivos autores”.

    A nova edición de ‘Parroquias de Redondela’ está impresa cunha tipografía de maior tamaño que as tres anteriores “atendendo ás demandas que fixo a veciñanza e posibilitando unha lectura fácil e cómoda para as e os nosos maiores”. Editouse unha tirada de 500 exemplares de cada un dos títulos e poden ser recollidos, de xeito totalmente gratuíto, no multiúsos da Xunqueira de Redondela e no multiúsos de Piñeiral do Crego en Chapela.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.