11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaAmplíase o prazo de presentación de traballos para o II Premio Sesé...

    Amplíase o prazo de presentación de traballos para o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético

    O Concello de Redondela amplía o prazo de presentación de proxectos para o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista. Acéptanse traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) ata o 17 de outubro de 2022, inclusive.

    Agora, o prazo inicialmente aberto ata o 30 de setembro, amplíase 17 días para achegar o máximo posible a data de entrega coa data da presentación do premio e así dar oportunidade a máis xente de presentarse, xa que trátase dun premio a nivel nacional.

    As bases reflicten unha amplitude moi grande de profesionais e un abano extenso de formatos, polo que foi necesario ampliar o prazo para chegar a maior xente posible. A alcaldesa quere reiterar que “é importante recoñecer e tratar a ética feminista en todos os ámbitos”. Ademais, aconsellados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) “o cambio de data foi algo necesario, xa que esta é a época con máis convocatorios para certames en Galicia, polo que se quere facilitar e flexibilizar esta oportunidade”.

    Redondela, lembrou a alcaldesa, “está sendo nos últimos anos un referente en igualdade e na loita contra a violencia machista, a creación destes premios en memoria a Sesé Mateo, son outro paso máis na loita diaria para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”. No xornalismo, engadiu Rivas, “é moi doado caer en tópicos e sensacionalismos á hora de informar sobre a violencia contra as mulleres e consideramos que era preciso premiar a aqueles e aquelas que, conscientes da gravidade da situación, evitan calquera tipo de sensacionalismo antepoñendo a ética profesional a calquera outra consideración”.

    Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista

    O II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, dotado con 1.500 euros en metálico, está aberto aos traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados, en medios escritos (diarios, revistas ou medios dixitais acreditados), radio ou televisión, entre o 1 de setembro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e que deberán ser presentados antes do 17 de outubro do 2022.

    Amais dos profesionais de xeito individual, tamén poderán presentar propostas e candidaturas os xornais, radios ou televisións. Neste caso, de resultar premiado o traballo, a beneficiaria e quen recibirá o premio será a persoa autora do traballo.

    Só se poderá presentar un traballo por persoa. No caso de coexistir un traballo presentado polo/a autor/a e outro ou o mesmo dese autor proposto por calquera entidade, prevalecerá a candidatura do/a autor/a, rexeitándose a presentada polo xornal, radio ou televisión, respectándose así a Lei de propiedade intelectual (RDL 1/1996, do 12 de abril).

    Os traballos poderán presentarse en lingua galega ou castelá, pero valorarase con maior puntuación os realizados en lingua galega por ser o seu uso minoritario no ámbito xornalístico e tendo en conta que “Redondela foi sempre pioneiro no uso, potenciación e espallamento da lingua galega”.

    As bases ao completo, poden consultarse na ligazón https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2021/08/31/2021042654.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.