26.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA Xunta remite ao Concello de Redondela o convenio para a humanización...

    A Xunta remite ao Concello de Redondela o convenio para a humanización da Avenida Mendiño

    O proxecto ten un investimento superior a 1,5 millóns de euros dos dos que o Concello acherará máis de 430.000 euros

    O Concello de Redondela vén de recibir, para a súa posterior sinatura, o convenio de colaboración para o proxecto de “Mellora da Seguridade viaria e reaordenación da PO-363. Treito Redondela–Praia de Cesantes” cuxa execución corresponde a Axencia Galega de Infraestruturas e que suporá unha transformación total desta céntrica zona.

    O proxecto inclúe a renovación dos servizos públicos de abastecemento, saneamento e pluviais, nova pavimentación e ampliación de beirarrúas, reorganización de accesos aos aparcadoiros e nova iluminación, amais da instalación de semáforos e unha nova glorieta na intersección coa Avenida Ernestina Otero que favorecerá a circulación de vehículos e mellorará a seguridade viaria de viandantes.

    O documento, con data de entrada no Rexistro Xeral do Concello, de 23 de marzo de 2020, deixa ao descuberto “as manobras electoralistas do exalcalde Javier Bas” que hai máis de un ano “anunciara a ‘bombo e platillo’ as inminentes obras da Avenida Mendiño, xunto a unha infografía (hoxe desaparecida) das obras”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

    Queda asi mesmo demostrada, sinala a rexedora local, “a falta de lealdade do grupo municipal do PP que acusou a este Goberno de non querer asinar un convenio que, segundo os populares, a Xunta xa tiña enviado”. Agora e como case sempre, apunta Rivas, “o tempo pon a cada quen no seu lugar e a chegada do convenio este luns, demostra a realidade da situación: que non había proxecto, que non había convenio e que o Goberno local actuou, como o fai sempre, con honestidade e transparencia”.

    O Equipo de Goberno subliña o feito de que este proxecto chega ao Concello de Redondela xustamente agora “pola insistencia de este grupo que Goberno, que requiriu ata en 4 ocasións á Consellería que tramitara o correspondente expediente”. No último escrito, de data 13 de marzo, a Alcaldesa deu un “ultimatum”, no que indicaba “que ou enviaban o proxecto ou se tomarían as medidas oportunas para esixir responsabilidades”.

    Digna Rivas que non entra a valorar a campaña de descalificacións de que foi obxecto nas redes sociais, nas que participou a propia conselleira de Infraestruturas que acusaba a alcaldesa de mentir, pero si lamenta “a falta de respecto institucional que a Xunta de Galicia ten con Redondela” e prácticas coma esta, engade a rexedora local, “amosan a cara máis deplorable da política, actitudes caciquís de políticos autonómicos que están a filtrar información aos seus compañeiros de partido, información que corresponde coñecer a este Goberno de primeira man e non mediante prensa ou perfiles de facebook”

    Agora, o borrador do Convenio que xa está en mans dos técnicos municipais e deberá ser informado polos servizos xurídicos e económicos que deberán xustificar á Xunta de Galicia a existencia de crédito para facer fronte a este cofinanciamento. O proxecto redactado pola Axencia Galega de Infraestruturas prevé un investimento de 1.594.713,10 euros e o Concello deberá colaborar cunha achega de 433.000 euros en dous anos.

    O Goberno local espera que o procedemento axilícese e estas obras “póidanse iniciar o antes posible”. En todo caso, o Concello de Redondela “descoñece o estado de tramitación do proxecto que entendemos necesitará distintas autorizacións sectoriais” pero esperan que a licitación das obras realícese este ano, “ao tratarse dunha obra de máxima necesidade”.

    Cómpre lembrar que esta avenida é unha zona de moito tránsito, tanto peonil como de vehículos, ao atoparse nas inmediacións centros escolares, deportivos e o Centro de saúde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.