O vindeiro día 6 de xuño, a Feira de Redondela retomará a súa actividade logo dunha suspensión de case que dous meses provocada pola crise sanitaria da COVID-19 e pola declaración do estado de alarma e volverá a celebrarse, como era habitual, os días 6 e 21 de cada mes.
A alcaldesa Digna Rivas, reuniuse onte coa presidenta da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos, Margarita González, e co portavoz de dita asociación, para estudar as condicións de reapertura da feira redondelá.
Trátase, sinalouse tras a reunión, “de establecer as condicións de seguridade sanitaria para esta actividade, medidas novas para unha nova situación á que todos e todas teremos que adaptarnos e que marca esta nova normalidade”.
Segundo as medidas que marca do Goberno para que os concellos poidan retomar a actividade das súas feiras e mercados ao aire libre, os postos terán que contar cun mínimo de 4 metros de distancia entre eles, por cada lado, mentres que a distancia frontal entre posto e posto, deberá contar cun mínimo de 6 metros coa recomendación engadida de non situalos un fronte a outro.
O mercado semanal de Redondela é un elemento dinamizador de primeira orde, explica o Goberno local, “xa que nel conflúen persoas chegadas dende todos os puntos, non só do municipio, senón tamén dos municipios limítrofes, veciñas e veciños que tamén aproveitan para utilizar os servizos do comercio local”.
Todos estes factores fan urxente o reinicio da actividade da Feira, apunta Digna Rivas, “pero para iso é preciso adoptar todas as medidas de seguridade necesarias para salvagardar a saúde tanto das persoas participantes coma das e dos ambulantes”.