21.2 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA Federación de ANPAS de Redondela lamenta que o PP non acudira...

    A Federación de ANPAS de Redondela lamenta que o PP non acudira á concentración contra os recortes no IES Mendiño

    "Aínda que o lamentemos, recoñecemos que é unha ausencia politicamente lexitima, poñer en primeiro plano os intereses do PP que o interese das persoas do Concello de Redondela", afirma a Federación

    A Federación de ANPAS de Redondela vén de facer público un comunicado no que valora a concentración do pasado 2 de setembro, na que a Federación, o Concello de Redondela e os partidos políticos (agás o PP) manifestaban públicamente o seu rexeitamento aos recortes de profesorado no IES Mendiño e pedían unha rectificación por parte da Xunta de Galicia. Dada a importancia do asunto, que afecta directamente é calidade de ensino dos nenos e nenas de Redondela e que xera unha enorme intranquilidade nas familias, reproducimos, na súa integridade, o comunicado da Federación de ANPAS.

    Comunicado da Federación de ANPAS de Redondela

    O pasado venres 2 a Federación de ANPAs de Redondela xunto ao propio Concello de Redondela celebramos unha concentración pública para solicitar da Consellería de Educación da Xunta de Galicia unha rectificación no recorte de 4 profesores no IES Mendiño. A concentración foi amplamente apoiada polo tecido social de Redondela que acudiu á cita. As familias amosamos o noso máis absoluto rexeitamento a este recorte. As familias de Redondela estamos moi preocupadas polo futuro dos nosos fillos e fillas xa que a desatención no ensino afectará negativamente nese futuro. A nosa experiencia nos consellos escolares de cada centro de ensino amosounos que os recursos humanos que a Consellería de Educación asigna a cada centro son insuficientes para atender, xa non só a diversidade e as necesidades especiais, senón tamén as obrigas laborais do profesorado. Temos que lembrar, aínda que a Consellería o sabe perfectamente, que a saúde mental da xuventude e infancia de Redondela está en deterioro tal e como detectaron as equipas directivas dos centros de ensino de Redondela. Para parar esa caída, de consecuencias desastrosas no que respecta aos centros de ensino onde o alumnado pasa gran parte do seu tempo, a primeira medida dun goberno debería ser o aumento de persoal e do tempo de atención adicado a cada alumna e alumno. Ao contrario, a Consellería de Educación desoe aos seus propios traballadores e as familias ás que ten a obriga e responsabilidade de servir publicamente.

    Ao brutal recorte no IES Mendiño temos que sumarlle 2 profesores na EEI A Marisma, outra media xornada na EEI San Pedro de Cesantes deixando tan só a unha traballadora a cargo de todo o alumnado, coa imposibilidade dun descanso na súa xornada e co risco de non poder abrir a escola ante calquera imprevisto. A intención é clara, deteriorar o servizo para pechar outra escola. Tamén se elimina unha profesora no CEIP de Reboreda, que terá que pechar unha liña en 1º de primaria amontoando ao alumnado nunha soa aula, e outra profesora máis no IES Illa de San Simón a pesar de ser un centro de atención preferente. Pero isto non é novo, isto vén pasando ano tras ano. Lamentablemente isto non só pasa en Redondela. Sufrimos as consecuencias dunha política de desmantelamento do público cunha Consellería de Educación que obedece as directrices das elites económicas na vez de defender os dereitos que teñen a responsabilidade de manter.

    Lamentablemente, as familias temos que saír á rúa e presionar á Consellería para que actúe e invista en Redondela. É o único xeito que entenden. As únicas inversións, segundo manifesta o PP de Redondela en boca do portavoz parlamentario Alberto Pazos, son as substitucións das cubertas de amianto tras as múltiples denuncias das ANPAs e desta Federación polo gravísimo perigo para a saúde do alumnado. A presenza do mortal amianto nos centros de ensino de Redondela é unha situación intolerable á que a Consellería non atendeu ata á denuncia das familias de Redondela unidas pola Federación de ANPAs, despois de tentalo de todos os xeitos posibles. Só a denuncia pública fixo reaccionar á Consellería. O mesmo pasou coa renovación das xanelas no CEIP Outeiro das Penas tras décadas de reclamación por parte do profesorado, as familias e o propio goberno de Redondela.

    A última inversión da que presume Alberto Pazos é a posta en marcha do Bacharelato de Artes. Calquera persoa atenta sabe que o Conselleiro de Educación desbotou no propio parlamento de Galicia a implantación deste bacharelato. Destapouse entón o engano da Consellería que acordara o contrario, abrir un Bacharelato de Artes en Redondela. Antes desta comparecencia do Conselleiro, as ANPAs denunciamos que, tras abrir o prazo oficial de matrícula onde o alumnado tiña que decidir que estudos realizar para o seguinte curso, a opción de artes non existía. Moi pouco antes de rematar o curso, no último Consello Escolar Municipal celebrado o 29 de marzo de 2022 a propia representante da Consellería, a inspectora Raquel Gómez, asegurou que non existía ningún indicio dentro da Consellería para a implantación do Bacharelato de Artes en Redondela para o curso 2022/23. Tras comprobar a falta de intención da Consellería, o Consello Escolar Municipal aprobou unanimemente, coa soa abstención da inspectora, unha declaración institucional onde esixía a Consellería de Educación a implantación do Bacharelato de Artes para este curso 2022/23. Ao non aguantar a presión das familias e do propio pobo de Redondela foi cando o PP de Redondela e a Consellería de Educación mudaron de postura e tarde, mal e arrastro decidiron asumir esta reivindicación histórica.

    Lamentamos que o pasado venres o PP de Redondela non acudira á concentración contra os recortes no IES Mendiño. Esta ausencia só pode entenderse pola obediencia que debe o PP de Redondela ao seu partido político. Aínda que o lamentemos, recoñecemos que é unha ausencia politicamente lexitima, poñer en primeiro plano os intereses do PP que o interese das persoas do Concello de Redondela. O que non consentimos as familias é que o PP de Redondela nos acuse de posicións partidistas. Non é a primeira vez. Para o PP de Redondela calquera crítica ou diferencia de opinión é unha postura politizada, negando así o dereito e a obriga que temos as nais e pais de educar e intervir na educación dos nosos fillos e fillas. As familias non lle debemos ningunha obediencia á dirección dun partido como si lle debe o PP de Redondela ao PP de Galicia. Cuestionar constantemente a representación das familias é cuestionar o estado de dereito e a democracia postulando que a única postura non partidista é a do goberno, é dicir, o silencio. Este é un argumento perigoso, sábeno incluso moita da xente que simpatiza co PP.

    Pensamos que o PP de Redondela erra profundamente ao asegurar que non hai redución de profesores no IES Mendiño. Equivócase con esta consideración política que nega o evidente. A reviravolta do argumento de Alberto Pazos para negar o innegable é tan precipitada que queda en evidencia diante das familias de Redondela, incluso das que simpatizan co seu partido local.

    En todo caso, as familias témolo claro, temos que seguir presionando á Consellería de Educación ata que cambie de postura. Ata agora foi o único xeito de que a Consellería de Educación invertera no ensino público de Redondela. O éxito de asistencia na concentración do pasado venres danos forza para seguir esixindo a restitución do profesorado recortado este ano en Redondela. Se conseguimos esta restitución o PP de Redondela terá que facer outra cabriola no seu discurso, como fixo coa implantación do bacharelato de Artes, e obedecer ao cambio de postura da dirección do seu partido. Deberían desexalo, están apartándose das familias de Redondela.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.