A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, veñen de asinar un convenio de colaboración para a reforma do antigo Consultorio Médico de Leirado, co fin de destinalo a un centro onde se presenten servizos de promoción da autonomía e de atención á dependencia, enmarcados dentro do programa de desenvolvemento Rural Sostible.
Se ben o Concello de Salvaterra de Miño “é un concello cun casco urbano moi rexuvenecido –subliña a alcaldesa– conta ao mesmo tempo cun rural onde se concentra un maior número de persoas maiores, que en moitos casos viven soas ou pasan a gran parte do día soas”. Por este motivo dende o Equipo de Goberno considerouse “prioritario” crear un espazo destinado exclusivamente para as persoas maiores, “un punto de referencia, onde poidan socializar, realizar diversas actividades, culturais, deportivas…, en fin, un espazo para os nosos maiores que tanto nos deron e que tanto nos ensinaron. Agora é o momento de devolverlle todo ese traballo e esforzo, coa creación deste centro de referencia”, matiza Valcárcel.
O inmoble localízase no lugar de San Roque e estivo sempre moi vinculado a vida dos seus veciños e veciñas, xa que naceu sendo praza de abastos, punto neurálxico da vida da parroquia e ten máis de 50 anos de antigüedade.