14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoSalvaterra de MiñoO Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra remata o ano con...

    O Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra remata o ano con máis de 400 visitas guiadas

    O Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea, situado dentro do Castelo de Dona Urraca, no municipio de Salvaterra de Miño, está sendo todo un referente cultural sobre a vitivinicultura en España, como así o avala o número de visitantes recibidos dende a súa apertura en febreiro do 2019.

    Neste 2021 rexistra un claro aumento no número de visitas con respecto ó ano anterior, grazas o respiro que neste verán e outono nos deu a evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, dando como resultado máis de 400 itinerarios guiados.

    O visitante destaca o bo estado de conservación das instalacións, os vangardistas recursos museísticos, a calidade dos viños do Condado do Tea e o trato persoal e individualizado recibido durante as visitas guiadas. Como consecuencia desta axeitada e profesional xestión, o Museo da Ciencia do Viño, consegue por segundo ano consecutivo a distinción Q de Calidade Turística que premia o bo facer en todos os niveis de interacción entre a entidade administrativa e o visitante.

    O turismo enolóxico estase convertendo en Galicia nun dos principais reclamos turísticos da comunidade xa que outorga unha experiencia orixinal ao englobar infinidade de actividades complementarias arredor do mundo do viño: é o caso da gastronomía, da cultura, do patrimonio ou da tradición,  capaces de xerar redes invisibles de valor engadido.

    Así, o Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea aposta de maneira inquebrantable pola excelencia valéndose da historia e da súa tradición. Un museo cen por cen didáctico, experiencial e interactivo que procura por en valor a marca propia “Condado do Tea” así como promocionar un territorio unido baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas.

    Por outra banda, camiña co obxecto de potenciar a riqueza existente da zona vinícola na que está asentado e formar un destino turístico co selo distintivo: Salvaterra de Miño.

    Paralelamente, ao longo dos vindeiros meses iranse presentando novas actividades e programas vencellados a este dinamizador complexo enoturístico: o Museo da Ciencia do Viño.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.