Onte, 30 de xuño, Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, puxo á venda o Albariño “La Val Solidario 2020”, unha Edición Limitada de 200 botellas. A pesar de que na pasada vendima non se puidese celebrar a que sería a súa IV Vendima Solidaria, debido ás restricións impostas pola Covid-19, desde a adega cren importante seguir coa traxectoria social deste proxecto que naceu fai xa catro anos.
Nesta ocasión, a entidade coa que colaborou Bodegas La Val é a Fundación Menela (Rede de Servizos para o Autismo e a Dependencia). Pola mañá acudiron á adega para a presentación do albariño A Val Solidario 2020 os 5 alumnos encargados de elaborar a etiqueta acompañados por tres profesoras do centro e Cipriano Luís Jiménez, director xeral da Fundación e Jose Manuel Varela, xerente da mesma.
Esta iniciativa de carácter social ten por obxectivo colaborar cunha asociación a través dun donativo económico. A idea é facer partícipe a un colectivo na creación do viño solidario, desde a vendima ata que sae á venda o mesmo, e que sexan eles os que deseñen a etiqueta, da que será unha edición limitada co seu nome. As etiquetas foron doadas por Coreti Etiquetas e así o fixeron desde a primeira edición.
O importe íntegro da venda de “La Val Solidario 2020” será destinado ao “Club Deportivo Menela” que pertence á Fundación Menela.
A colaboración permitirá dotar de equipamento ao Club Deportivo Menela, cuxo proxecto deportivo conta coas seccións de atletismo, natación e xadrez, a través das cales, os mozos e mozas de Menela participan en diferentes competicións federadas.
A práctica física e deportiva é unha dimensión crave na calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro Autista pola relevancia que ten en aspectos craves como o benestar físico, a saúde, a inclusión e a participación en actividades cotiás. Por este motivo, Fundación Menela agradece a confianza de Bodegas La Val neste proxecto creativo.
Fernando Bandeira, xerente de Bodegas La Val, sinala: “Para nós sempre é un orgullo poder colaborar en proxectos como este. Fundacións como Menela son moi necesarias pois contribúen á mellora da calidade de vida e do futuro das persoas”.
Cun prezo de 8 euros, as botellas de “A Val Solidario 2020”, pódense comprar xa na tenda en liña (https://bodegaslaval.com/tenda/), na tenda física de Bodegas La Val (Salvaterra de Miño) ou na sede da Fundación Menela en Vigo (C/ Marqués de Alcedo ,19 Vigo).
Este é o cuarto ano que Bodegas La Val aposta por crear un “Viño Solidario”, un proxecto persoal co que a adega quere mostrar o seu compromiso, non só cunha maneira especial de traballar a terra, senón tamén coa sociedade. Esta acción naceu en 2017, onde a recadación da I Vendima Solidaria doouse a ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia); a II foi en favor de ASPANAEX (Asociación en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da provincia de Pontevedra) e a III da Asociación Alento. Para o próximo setembro, se a situación actual permíteo, Bodegas La Val xa baralla varias Asociacións coas que colaborar na que sería a súa V Vendima Solidaria.
Fundación Menela
Fundación Menela, entidade de iniciativa social clasificada como benéfico – asistencial e de interese galego, é titular dunha Rede de Centros e Servizos para o Autismo e a Dependencia que traballa coa misión de “contribuír á mellora da calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e defender a súa dignidade como cidadáns, dando resposta a necesidades específicas ao longo de todo ou o seu ciclo vital”.
Tras a súa constitución en 1989 asume a titularidade, en 1998, do Centro de Educación Especial Menela, referente no campo da atención especializada a nenos e nenas con TEA en Galicia. En 1993 inaugúrase, en Nigrán, o Centro de Día e Residencial Castro Navás para persoas adultas, impulsando o valor do traballo como ferramenta de inclusión social. O Edificio CAMI ponse en marcha en 2004 co Servizo de Diagnóstico e o Servizo de Atención Temperá e Apoio Integral, o Servizo de Apoio Familiar e o Centro de Formación que, desde o ano 1999, realiza actividades formativas ocupacionais e de especialización profesional.
Dentro da Rede de Centros e Servizos inclúese a empresa Castro Navás S.L., que nace en 1998 coa finalidade de favorecer a inclusión socio laboral de persoas con TEA e, en 2006, a Fundación Tutelar “ Camiño do Miño” que desenvolve accións de asesoramento ás familias, orientación, tutela e administración do patrimonio da persoa tutelada.
Bodegas La Val
Bodegas La Val nace en 1985, converténdose así nunha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas. Situada na Leira Arantei, en Salvaterra de Miño, conta cunha adega equipada coas tecnoloxías máis punteiras do sector e ten unha superficie de 6.000 m2. Os seus viñedos en propiedade atópanse enmarcados en tres leiras: Finca Arantei, Finca Porto e Finca Taboexa e en total suman 53 hectáreas. Bodegas La Val mantén unha produción anual ao redor de 500.000 botellas, e está presente en máis de 20 países en todo o mundo.
Na actualidade produce 8 viños: La Val (Albariño), Finca Arantei (Albariño), La Val Fermentado en Barrica (Albariño), La Val Crianza Sobre Lías (Albariño), La Val Vendimia (Albariño), Más que 2 (Condado), La Val Treixadura (Treixadura), La Val Sousón (Sousón).