Co lema ‘Veña facer exercicio físico, axudando o próximo’, o vindeiro día 28 de decembro ás 20 horas (19 h, hora portuguesa) terá lugar a saída da San Silvestre Solidaria que, un ano máis, unirá Salvaterra de Miño e Monção. Nesta edición, os participantes de máis idade, tanto na categoría masculina como feminina, recibirán un premio. O mesmo acontecerá co grupo máis numeroso que participe.
A San Silvestre Solidaria, promovida pola Eurocidade Monção– Salvaterra, terá un percorrido de cinco quilómetros polas rúas e prazas das dúas localidades fronteirizas ligadas, hai máis de dúas décadas, por unha ponte internacional sobre o río Miño.
Esta mañá, na sede da Eurocidade no Parque da Lodeira (Monçã0), os responsábeis de Deportes da Câmara Municipal de Monção e do Concello de Salvaterra de Miño, João Oliveira e Edgar Martinez, respetivamente, presentaron o cartel da presente edición salientando, ámbolos dous, “o crecemento dunha proba que xunta exercicio físico con axuda ás familias máis vulnerábeis”.
“A compoñente social é un excelente pretexto para os mozos de 8 anos e os seniores de 88 practicaren deporte” afirmou João Oliveira, expresándose na mesma liña Edgar Martinez ao sinalr que “o máis importante é gozar, facendo o ben xunto das persoas que o precisan”.
Ambos participan na proba, cuxa partida ten lugar na Praza do Concello, en Salvaterra, ás 20 horas (19 h HP), e a chegada na praza Deu-la-Deu, en Monção. As interesadas e interesados en participar nesta proba solidaria só terán que entregar un alimento non perecedoiro que, nunha fase posterior, será distribuído entre as familias con dificultades económicas de ambos os municipios.
Mini San Silvestre para nenos até aos 12 anos
Para que os máis cativos e cativas non queden excluídos desta iniciativa solidaria, arredor das 18:30 horas, terá lugar unha ‘Mini San Silvestre’ para nenos e nenas até aos 12 anos que terá lugar na Praza do Concello, en Salvaterra. A proba ten como obxectivo involucrar aos máis pequenos e pequenas nesta iniciativa deportiva e solidaria.
A organización fai un chamamento á participación á poboación das dúas marxes do río Miño, convidando as persoas de todas as idades a practicar deporte mentres axudan ás familias máis desfavorecidas de ambos os lados da fronteira.
As inscricións están abertas nesta ligazón ou no lugar da proba 30 minutos antes do inicio da mesma. Durante o percorrido, os participantes terán apoio dos bombeiros locais, encontrándose o tráfico rodado condicionado á acción de seguridade da Guarda Nacional Republicana e Garda Civil.