O Programa Apego chega de novo este mes a Ponteareas cunha actividade de socialización da lingua galega na primeira infancia. O vindeiro venres 29 de outubro, a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá a partir das 18.00 horas a actividade ‘Canta bugina, canta!’, unha narración oral recomendada para nenos e nenas de ata 6 anos que ten como obxectivo xogar coa palabra e a poesía, coas cancións e contos, cos xogos visuais e sonoros que serán o berce da literatura.
Da man de Marta Ortiz, os máis pequerrechos e pequerrechas comezarán unha viaxe polo mar na que cantarán cancións e na que se recrearán animais con obxectos, un mar de tea e barcos e illas de papel ao son da música e das palabras.
A actividade é de balde e para poder asistir é necesaria a reserva previa enviando un correo electrónico a [email protected]. O espectáculo forma parte do programa de actividades posto en marcha pola Concellaría de Lingua para fomentar a vinculación das familias co galego dentro do Programa Apego, un proxecto dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión familiar do galego e a socialización dos nenos e nenas entre 0 e 6 anos en lingua galega. “Continuamos achegando o noso gran de area para protexer e transmitir de xeración en xeración o noso idioma”, salienta o concelleiro, Fernando Groba.