Tomás Currás na categoría Absoluta Masculina e Adriana Subiás, na categoría Absoluta Feminina, veñen de gañar o XI Open Tenis Vila do Corpus de Ponteareas, cuxa fase final disputouse este pasado domingo, 4 de xullo, nas pistas da Freixa. Tomás Currás impoñíase na final a Roberto Rodríguez por 6-4, 3-6 e 6-3, mentres que Adriana Subiás gañaba o encontro que a enfrontaba a Clara López por 6-2 e 6-2.
As nove categorías restantes tamén tiveron os seus gañadores. En Veteranos +45, o triunfo levouno Javier Méndez fronte a Ricardo Vázquez, mentres que en Veteranos +35 a final gañouna Alfonso Santos contra David Vidal.
David Noe foi o gañador da categoría Cadete Masculino ao vencer a Manuel Moreira e na sección feminina desta mesma categoría, Paloma Gallego impúxose a Victoria Lorenzo. E Pablo Gregores foi o campión da categoría Infantil Masculina ao gañar a Gonzalo González.
Entre os máis pequenos do torneo houbo un total de catro gañadores. Marc Nicolás foino na categoría Alevín Masculina ao derrotar a Martín Rodríguez e Alma Granados en Alevín Feminino ao vencer a Sofía Villa. Pedro Rivero impúxose como campión Benxamín Masculino gañando a Nicolás Cabido e Lenda Vázquez fixo o mesmo en Benxamín Feminino ao imporse a Martina Souto.
Na entrega de trofeos posterior á última final disputada, destacou a presenza do deputado provincial Manuel González, o alcalde en funcións de Ponteareas Roberto Mera e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.
Ademais, o presidente do Club Tenis Ponteareas, Manuel Regueira, aproveitou a ocasión para destacar a importancia de poder volver realizar o torneo tras a situación epidemiolóxica vivida e agradecer aos 190 participantes a súa asistencia, así como o apoio das diferentes casas comerciais que fixeron posible a celebración do evento.