8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas suspende o cobro de taxas e impostos municipais

    Ponteareas suspende o cobro de taxas e impostos municipais

    O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou esta fin de semana algunhas medidas económicas e fiscais que o goberno do BNG-PSOE implementará diante da crise do coronavirus e do seu impacto sobre as persoas en xeral e sobre autónomos, comercio local e empresas en particular.

    Represas explicou que a prioridade agora é o frente sanitario “e niso estamos volcados no ámbito das competencias municipais. Pero non imos descoidar o impacto económico e por iso adoptamos xa diferentes medidas fiscais que se unen ás acordadas polo ORAL da Deputación”.

    O alcalde explica que o organismo provincial, como entidade xestora do cobro dunha parte das taxas e impostos municipais, xa prorrogou o pago dos recibos cuxo prazo de ingreso voluntario estaba aberto e remataba en abril, de maneira que se prolonga até dez días despois de que remate o estado de alarma. En canto ao resto de taxas e impostos que aínda non tiñan aberto o prazo para o pagamento, o ORAL decidíu suspender ese calendario e anunciou que se aprobará un novo nos dez días posteriores á finalización do estado de alarma con novos prazos. Esta suspensión afecta entre outras á taxa do lixo, imposto sobre vehículos, a venda ambulante ou aos postos do Mercado Municipal.

    A esa suspensión únese a que agora acorda o Concello respecto ás taxas e impostos que recada directamente a administración municipal por ocupacións como as terrazas ou por servizos como a Escola Infantil, a Escola de Música ou o Conservatorio Municipal, aínda que boa parte do alumnado continua recibindo formación por medios telemáticos.

    Ademais, os técnicos municipais co asesoramento do ORAL están a analizar a posibilidade de establecer e aplicar bonificacións en determinadas taxas e impostos sempre que a lexislación o permita, e atendendo ás circunstancias concretas que afectan ás persoas ou a actividades económicas.

    Por último o alcalde anunciou a elaboración dun plan municipal de reactivación económica, dentro das competencias municipais, dirixido a dinamizar o comercio e o sector servizos local e incrementar o investimento para favorecer a creación de emprego. Represas sinalou que “se fará coa participación de todos os sectores e terá como obxectivo a reactivación económica da localidade unha vez se supere esta crise”.

    Por outra banda, o Concello difundíu nos pasado días unha mensaxe audiovisual do Alcalde dirixida ao conxunto da poboación e distribuida a través da páxina web do concello, redes sociais e mensaxería electrónica, na que Represas informa das medidas adoptadas polo Concello en materia de limpeza e desinfección, a organización da atención cidadá nos servizos municipais e as medidas en materia de seguridade cidadán para asegurar o cumprimento das normas derivadas do estado de alarma.

    Represas agradeceu o esforzo do conxunto do persoal municipal e especialmente a aqueles que como policía local, bombeiros, protección civil, persoal do centro de maiores ou de asistencia no fogar e de servizos sociais, así como o persoal de limpeza de edificios públicos, continua prestando o seu traballo nunha situación tan grave. Fixo extensivo tamén o seu agradecemento ao preto de cen voluntarios e voluntarias que se sumaron á iniciativa posta en marcha polo Concello para atender a persoas en situación de vulnerabilidade. Represas explicou ademais que o Concello segue aprobando e concedendo as axudas de emerxencia para persoas con especiais necesidades. Por último Xosé Represas fixo un chamamento a cumprir e atender as instrucións das autoridades sanitarias.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.