11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas, sede esta fin de semana do Campionato Galego de Longa Distancia...

    Ponteareas, sede esta fin de semana do Campionato Galego de Longa Distancia de natación

    Máis de 80 deportistas daranse cita na piscina do complexo deportivo Álvaro Pino para disputar esta proba que puntúa para o campionato de España

    Ponteareas volve ser unha vez máis sede dunha das probas de natación máis importantes do panorama deportivo. Este domingo 12 de decembro o complexo deportivo Álvaro Pino acollerá ás e aos mellores fondistas de Galicia coa celebración do Campionato Galego de Longa Distancia, unha proba que reunirá a arredor de 80 nadadores e nadadoras de alto nivel, entre os que destacan María de Valdes ou Paula Otero, nadadoras internacionais en augas abertas e en piscina coa selección española, ou Iria Lemos, medalla de bronce infantil no último campionato de España de augas abertas.

    Unha vez máis “temos na nosa vila moito máis que deporte, xa que sempre se xeran grandes sinerxías a nivel económico e turístico e incluso de participación nas actividades organizadas dende o Concello, e iso é algo ao que sempre lle debemos dar pulo”, salienta o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. O edil quixo agradecer o traballo desenvolvido polo Club Natación Ponteareas na organización desta e doutras probas na vila “sempre con eses valores e cunha amplitude de miras que favorece non só ao deporte, senón tamén ao conxunto da veciñanza”.

    O concelleiro tamén quixo felicitar ao club “por ser punteiros a nivel tecnolóxico, o que nos permite seguir todas as competicións a través das redes e con medios propios”, así como agradecer a implicación tamén da Federación Galega de Natación e das entidades privadas “que fan posible este tipo de encontros e que sigamos remando xuntos para converter a Ponteareas en sinónimo de natación”.

    En sesión de mañá, a partir das 11.00 horas, disputaranse as probas de 2.000 m infantil, mentres que pola tarde a partir das 17.00 horas desenvolveranse as probas de 3.000 m júnior e sénior. Aínda que o campionato estará aberto ao público de forma presencial cun aforo de 100 parazas para garantir a seguridade e saúde de todas e todos, tamén poderá seguirse vía streaming a través da canle de Youtube do equipo ponteareán.

    O presidente do club, Andrés Carrera, valorou o impacto que terá para Ponteareas esta nova competición, “unha das 10 que adoitamos organizar e que traen á vila cada ano arredor de 1.500 deportistas, dos que máis do 75% son de fóra do municipio”. Tamén quixo agradecer a colaboración do Concello, da Federación e das entidades privadas para celebrar este campionato galego “no que as mellores nadadoras e nadadores de longa distancia buscan puntuar para o Campionato de España que se celebrará a finais de xaneiro”.

    Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, salientou que o campionato de longa distancia “é a base da competición en augas abertas, na que Galicia e sobre todo Ponteareas é potencia estatal. Animamos a toda a veciñanza a que goce deste campionato, que sempre ten algo especial porque nel podemos ver aos nosos maratonianos”. Durante o acto de presentación o presidente da Federación tamén amosou o seu malestar ante os cambios anunciados na piscina municipal da Cañiza, que eliminará un dos vasos e reducirá o fondo da piscina grande quedando a un nivel profundo de 1,30 e 1,20 m, limitando a práctica deportiva profesional e restando servizos aos usuarios e usuarias.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.