A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha achega de preto de 70.000 euros (69.021 €) para Ponteareas ao abeiro do Plan Concellos, que a destinará a financiar as obras de drenaxe transversal na estrada municipal situada en Ponte Xil, na parroquia de Guillade.
Estes traballos teñen por obxecto a execución dun marco prefabricado de formigón armado para substituír as tubaxes existentes nesta estrada que une Ponte Xil e Forquelos, pola que circula un regato afluente do río Uma. As actuais romperan a causa do desbordamento do regato polas choivas, que amais producira unha focha na estrada.
Unha vez construído ese marco, executarase a renovación do firme da estrada, incluíndo a sinalización horizontal e vertical da zona, e os traballos inclúen tamén a colocación de barreiras bionda para mellorar a seguridade, aumentando a calidade do servizo e a comodidade das persoas usuarias.