12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas promove a primeira liña de transporte público colectivo dende o rural...

    Ponteareas promove a primeira liña de transporte público colectivo dende o rural ao Centro de Saúde

    Trátase dunha iniciativa experimental que se ampliaría no futuro en caso de ter boa aceptación por parte da veciñanza

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, presentaron este mércores aos colectivos sociais de Guláns e Areas a primeira liña de transporte público colectivo dende as parroquias ao Centro de Saúde. Os actos encádranse no programa da Semana Europea de Mobilidade na que Ponteareas participa  por segundo ano consecutivo e ao abeiro do que hoxe conmemora o Día Europeo sen Coches.

    A petición do Concello de Ponteareas, a liña foi autorizada pola Xunta de Galicia para a súa prestación por parte da empresa Raúl S.A., quen conta coa concesión da liña escolar no mesmo percorrido. Porén, o servizo prestarase nun horario diferente ao lectivo. Trátase dunha iniciativa experimental que, no caso de ter aceptación por parte da veciñanza e utilidade social, se ampliaría no futuro a outras parroquias e percorridos. A rexedora salientou que “esta medida se encadra nas nosas políticas de desenvolvemento sostíbel e saudábel e no noso compromiso de mellorar os servizos para a veciñanza do rural”.

    Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, sinalou que este novo servizo “pretende dar resposta á inexistencia de transporte público colectivo dende o rural adaptado aos horarios máis demandado para acudir ao Centro de Saúde por persoas que soen carecer de vehículo propio”. O edil engadiu que a iniciativa “tamén é unha aposta máis por reducir o uso do vehículo particular e mellorar o medio ambiente e a calidade de vida das persoas”.

    De inicio o servizo prestarase todos os venres lectivos, con saída dende o barrio de Couso e percorrerá boa parte da parroquia de Guláns e o barrio de Ganade, na parroquia de Areas, chegando ao Centro de Saúde sobre as 07.45 horas, coincidindo co horario de servizos como as analíticas ou o Sintrom, e continuará até Ponteareas. O regreso realizarase ás 10.34 horas dende Ponteareas, pasando de novo polo Centro de Saúde e realizando o mesmo percorrido en sentido inverso. Mera salientou que “na elaboración do Plan de Mobilidade os colectivos das parroquias advertiron que os actuais horarios de regreso do transporte regular ao rural eran moi tarde, polo que esta liña adaptarase a esa demanda, regresando pouco despois das 10.30 horas”.

    O servizo prestarase baixo demanda, é dicir, só no caso de que as persoas usuarias o soliciten, ben a través do teléfono 988 687 800 (Rede de transporte público de Galicia) en horario de 08.00 a 20.00 horas ou en bus.gal. A solicitude debe realizarse antas das 19.00 horas do día anterior. O prezo da viaxe é de 1,5 euros, en total 3 euros ida e volta.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.