20 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas participa na Semana Europea de Mobilidade cun variado programa de actividades...

    Ponteareas participa na Semana Europea de Mobilidade cun variado programa de actividades e actos

    Presentaranse novas iniciativas e medidas de fomento da mobilidade sostible

    O Concello de Ponteareas súmase, por segundo ano consecutivo, á Semana Europea de Mobilidade cun programa de actividades coas que sensibilizar á veciñanza sobre os beneficios de uso de modos de transporte máis sostibles como a bicicleta, os desprazamentos a pé ou o transporte público. Este ano, ao abeiro da temática ‘Mobilidade sostible, saudable e segura’ e do lema ‘Pola túa saúde, móvete de forma sostible’ que rexe a campaña europea, a Concellería de Mobilidade, dirixida por Roberto Mera, tamén presenta novas medidas e iniciativas dirixidas a diminuír o uso innecesario dos automóbiles na vila.

    A primeira das actividades será este mércores 22 de setembro, Día Europeo sen Coches, e irá dirixida a público infantil, “un dos principais destinatarios do novo modelo de mobilidade máis sostíbel polo que aposta este goberno”, como sinalou o edil. Ás 17.30 horas, nenos e nenas a partir de 7 anos poderán participar na actividade ‘Recuperando o espazo público para a infancia: do vello ao novo modelo de mobilidade en Ponteareas’, unha actividade lúdico-educativa na que as e os participantes percorrerán as rúas da vila. A saída será dende a Casa do Concello e, dende aí, os rapaces e rapazas circularán por diferentes rúas realizando actividades para comprender os efectos do anterior modelo de vila pensando no coche e coñecer as razóns polas que agora se aposta por recuperar o espazo público para as persoas.

    Ademais, durante todo o día as persoas interesadas poderán facer unha revisión de balde da súa bicicleta na rúa Esperanza, en Bicimecánica Toñi Porto, a quen o Concello agradece a súa colaboración nesta xornada da Semana Europea de Mobilidade.

    A esta programación de actividades sumaranse a presentación e implementación de varias medidas e iniciativas para o fomento da mobilidade sostíbel: a nova regulación da mobilidade na Praza Maior, a primeira liña de transporte público ao Centro de Saúde e a futura ordenanza de mobilidade amábel e utilización dos espazos públicos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.