A concellería de Deportes, que dirixe en funcións Miguel Bouzó, pon en marcha unha nova convocatoria de subvencións para o apoio a deportistas federados de Ponteareas, coa intención de fomentar o deporte de nivel no municipio.
O obxectivo destas bolsas, explica Bouzó, é “colaborar coas mozas e mozos deportistas ponteareáns participantes durante o ano 2020 en campionatos oficiais do Estado Español ou de nivel superior, convocatorias da selección galega ou española ou probas de nivel competitivo superior aos campionatos galegos, recoñecidas pola Federación correspondente”.
O concelleiro de deportes en funcións sinalou que “son subvencionábeis aqueles gastos xerados para a práctica deportiva das persoas beneficiarias, como poden ser os desprazamentos, aloxamento, manutención, material deportivo ou expedicións de licenzas federativas”. Bouzó aclarou que estas axudas “son compatíbeis con outras axudas públicas ou provadas concedidas para a mesma finalidade”.
As bases, que xa poden consultarse na páxina web do concello de Ponteareas na pestana “axudas e subvencións” (https://ponteareas.gal/axudas-subvencions/), serán publicadas nestes días no Boletín Oficial da Provincia, e as persoas deportistas disporán de dez días naturais a partir do día seguinte á data de publicación para formalizar a súa solicitude.