Mércores, 11 Decembro de 2024

Ponteareas incrementa nun 50 % a partida de Deportes nos Orzamentos 2020

A concelleira de Deportes, Nahir Covelo, adiantou que, no Orzamento 2020, as axudas ao deporte incrementaránse nun 50% o que se concreta nunha nova partida de 25.000 € para subvencionar todo tipo de eventos deportivos que se celebran ao longo do ano en Ponteareas. Ao mesmo tempo mantense a partida de 50.000 € de apoio aos clubs deportivos pasando así de 50.000 € a 75.000 € de subvencións ao deporte.

O Goberno municipal convocará a todos os clubs deportivos para presentarlle esta nova convocatoria de axudas aos eventos que organizan e recoller as súas aportacións. Nahir Covelo adiantou xa que será “unha convocatoria aberta por libre concorrencia”.

A responsable de Deportes do Concello de Ponteareas sinalou que, ao longo de todo o ano, os clubs locais organizan distintas competicións, torneos, concentracións, exhibicións e probas “que atraen a centos de familias á nosa vila contribuíndo na promoción de Ponteareas e tamén na súa dinamización económica”.

A convocatoria das axudas de 25.000 euros para eventos deportivos será realizada neste primeiro trimestre do ano e posteriormente as axudas de 50.000 euros a clubs deportivos para os gastos das súas actividades.