17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas estrea o seu Museo do Corpus a ceo aberto

    Ponteareas estrea o seu Museo do Corpus a ceo aberto

    Cun percorrido dun quilómetro e máis de 320 fotos, vídeos e imaxes en 360, esta ferramenta permitirá gozar das alfombras florais os 365 días do ano

    As rúas de Ponteareas convértense dende este sábado en Museo do Corpus a ceo aberto, o primeiro de Galicia. Grazas ás novas tecnoloxías, veciñanza e turistas poderán gozar da arte efémera de xeito sinxelo e inmersivo en calquera momento do día os 365 días ao ano. “Contamos xa coa ferramenta que nos permite poñer en valor a hora historia e cultura floral, a nosa maior obra de arte colectiva, e continuaremos a partir de hoxe incrementando o seu contido con todo tipo de materiais. Porque as novas tecnoloxías dannos a capacidade de non ter límites”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila durante o acto de inauguración, que contou coa presenza tamén de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Eva Gil, concelleira de Turismo; José Luis Romero, representante de Abanca; e Diego Asorey, da empresa Kendra.

    O museo nace con 19 placas con códigos QR que por primeira vez sinalizan os 22 tramos de alfombras da vila. Nun percorrido dun quilómetro, con só escanear estes códigos as persoas interesadas poderán vivir a historia das alfombras con máis de 320 elementos entre fotos, vídeos e imaxes en 360 cedidos pola veciñanza, fotógrafos e o propio Concello. “Poñemos as novas tecnoloxías ao servizo da nosa tradición para promover e poñer en valor a nosa Festa de Interese Turístico Internacional. A relevancia deste novo recurso turístico radica no feito de valorizar o traballo de xeración en xeración dos nosos e nosas alfombristas, a nosa arte, a nosa cultura”, recalcou a rexedora.

    Click para ampliar

    Fernández Davila quixo agradecer o labor dos e das alfombristas, “semente fundamental para que o Corpus Christi de Ponteareas floreza cada ano e engalane as nosas rúas. Coa vosa paixón facedes que cada ano Ponteareas siga a ser o gran referente na elaboración de alfombras florais e exemplo de traballo e unión de todo un pobo que se sinte orgulloso da súa festa. Unha celebración que é o noso sinal de identidade no mundo, que se apoia no traballo colectivo para transformar unha idea en arte”.

    A alcaldesa gabou tamén a colaboración da Xunta de Galicia e de Abanca, así como o traballo dos concelleiros e concelleiras do Goberno local, á empresa Kendra por “conseguir que o relato que nos acompaña polo percorrido nos faga sentir a necesidade de querer coñecer máis” e do persoal do Concello “que se implicou neste proxecto sentíndoo como propio, cunha gran dedicación e contribución para que hoxe poidamos estar aquí”. Agradecemento no que coincidía a concelleira de Turismo, Eva Gil, que quixo recalcar “o traballo desenvolvido durante décadas polas e polos alfombristas, que non deixa de ser tradición pero que tamén permite activar a economía local e o turismo, agora tamén durante todo o ano”.

    Será un museo escalábel e actualizábel que permitirá poñer en valor as alfombras todo o ano e que amosará ao pública a evolución da festa do Corpus Christi en Ponteareas “con contidos didácticos, accesíbeis e atractivos. Ademais, a recreación en realidade aumentada permitiranos ver as alfombras como se estiveran na propia rúa convertendo a toda a vila nun museo”, explicou Diego Asorey, de Kendra.

    Veciñanza e turistas atoparán agora en Ponteareas “un arquivo histórico vivo que se comparte de xeito sinxelo, que enriquece e desestacionaliza o turismo. E isto é o inicio, porque coas novas tecnoloxías pódese chegar ata onde se queira”, recordou a directora de Turismo, Nava Castro. Pola súa banda, José Luis Romero, representante de Abanca, asegurou estar convencido de que o museo “vai ser todo un éxito que permitirá transmitir historia pero que tamén será un motor económico da vila, algo moi importante nestes tempos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.