A Concellería de Vías, Obras e Alumeado de Ponteareas, que dirixe Chus Garrote, destina case 10.000 euros en axudas para subvencionar intervencións de mellora de espazos públicos das entidades veciñais.
As beneficiarias desta liña de financiamento en concorrencia competitiva son a Asociación de Veciños Piñeiro Manso de Celeiros e as comunidades de montes en man de común de Celeiros, Nogueira e Arcos. A edil destaca que con estas subvencións “axudamos ás entidades a intervir nos seus espazos para mellorar a calidade de vida local, e fomentar e dinamizar o noso asociacionismo veciñal”.
A Asociación de Veciños Piñeiro Manso de Celeiros recibirá 2.697 euros para o acondicionamento dun camiño de acceso, a CMVMC de Nogueira realizará a limpeza e o formigonado dunha presa de regadío cunha subvención de 3.000 €, a CMVMC de Celeiros recibirá 2.873 € para o arranxo dun lavadoiro e dunha fonte, mentres que a CMVMC de Arcos obterá 1.327 € para a rehabilitación e acondicionamento da poza e fonte da Rocha.
A concelleira tamén quere agradecer ás entidades “o seu labor para dinamizar e mellorar a calidade de vida local en Ponteareas”, e destaca que a concellaría sempre estará da súa man nas iniciativas que satisfagan as necesidades e aspiracións da veciñanza.